O Museo de Pontevedra expón dous debuxos surrealistas inéditos de Maruja Mallo

Os venres do mes de abril organizarán faladoiros sobre a artista viveirense e un percorrido relacionado coa súa obra


|

Praza lenamuseo castro monteagudogarcia florez 2


O Sexto edificio do Museo de Pontevedra exhibe, por primeira vez, dous debuxos de corte surrealista de Maruja Mallo pertencentes á serie 'Fantásticas criaturas'. Esta montaxe específica inclúese entre as actividades organizadas con motivo do Día das Artes Galegas.


Este sábado 1 de abril, ás 18,00 horas, todas as persoas que o desexen poderán participar na presentación da montaxe expresamente creada para esta efeméride. A particularidade destes dous debuxos radica en que se atopan en dúas caras dunha mesma folla, polo que se deseñou unha estrutura que permite que se vexa cada debuxo por un dos lados.


Ademais, os venres do mes de abril o Gabinete Didáctico organizará faladoiros ao redor da artista viveirense e guiará un percorrido relacionando a súa obra coa doutras personalidades do seu tempo como Eugenio Granell ou Urbano Lugrís; tamén coa obra do seu irmán, o escultor Cristino Mallo; de amigos da xeración do 27 como Dalí e debuxos de Alberti que tamén se rescataron do arquivo do Museo para esta ocasión; ou de Benjamín Palencia, co que formou parte da chamada Escola de Vallecas.


"Queremos dar a coñecer facetas novas de Maruja Mallo, como artista e como muller que loitou polos seus dereitos, e facer visitas diferentes ás visitas guiadas tradicionais", asegurou este venres en rolda de prensa Paula Tilve, unha das coordinadoras do Gabinete Didáctico do Museo de Pontevedra.


As dúas coordinadoras do Gabinete didáctico, Paula Tilve e Lourdes Parada, o director do Museo, Carlos Vale, e o deputado de Cultura e Lingua Xosé Leal presentaron as actividades específicas da institución para este mes de abril en relación á homenaxeada nesta edición no Día das Artes Galegas.


Xosé Leal destacou a riqueza das coleccións do Museo de Pontevedra ao asegurar que esta institución ten obra dos homenaxeados nas tres edicións do Día das Artes Galegas "o que é indicativo da importancia deste Museo a nivel nacional en toda Galicia".


"GRAN IMPORTANCIA"


O Museo de Pontevedra posúe tres obras de Maruja Mallo, entre as que se conta 'Cabeza de negra' (1946). "Non temos un gran número de obras de Maruja Mallo pero as que temos son de gran importancia", asegurou Carlos Vale.


Os venres 7, 21 e 28 de abril, tamén ás 18,00 horas, iniciarase un percorrido denominado 'Faladoiro con Maruja Mallo'. Trátase dunha actividade deseñada para dar a coñecer a esta artista dunha forma diferente a partir de fotografías, obxectos, poesía e imaxes.

relacionada Compostela, vista desde as súas orixes a través dos séculos

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE