O dúo de piano Esthesia pon fin ao Ciclo de Música de Cámara de Galería Metro-Campus Stellae
Pechan esta primeira edición Yolanda Delgado e Miguel Vizoso que interpretarán a catro mans repertorio de Bach-Kurtág, Leo Smit, F.Schubert e J.Brahms.
O I Ciclo de Música de Cámara de Galería Metro-Campus Stellae chega este mércores 29 de marzo á súa fin co quinto e último concerto. As instalacións da Praza da Quintana compostelá acollen este serán, ás 8, a música de Esthesia, formado por Yolanda Delgado e Miguel Vizoso que interpretarán a dúo en piano, a catro mans, repertorio de Bach-Kurtág, Leo Smit, F.Schubert e J.Brahms.
Coma nas demais citas deste ciclo, a música convive coa contorna da galería de arte, que actualmente ten instalada a exposición '600 versos' do artista Urza. E todo iso acompañado por unha copa de viño.
Este serán comparten piano Miguel Vizoso e Yolanda Delgado. Ela, entre outras facetas, acumula concertos como solista e de música de cámara en diversos lugares de Galicia, España, Francia e Italia. El, conta tamén cunha carreira musical tanto de solista como de música de cámara, que o levou a tocar en numerosas cidades do territorio nacional.
O aforamento está limitado a 30 persoas. As entradas pódense comprar na billeteira ou reservalas a través do correo electrónico --info@galeriametro.com, arte@campus-stellae-- ou por vía telefónica chamando ao 981 522 788.
Escribe o teu comentario