Chega a Ourense o documental 'Frágil Equilibrio', gañador do Goya
A cinta proxéctase este luns na Casa da Cultura da cidade das burgas con dous pases sucesivos.
O documental 'Frágil Equilibrio', dirixido polo cineasta de orixe galega Guillermo García López, proxectarase este luns na Casa da Cultura de Ourense.
A cinta fíxose co Goya ao Mellor Documental na gala de premios do cinema español celebrada o pasado mes de febreiro, na que tamén estivo nomeada na categoría de Mellor Canción Orixinal cunha composición de Zeltia Montes interpretada pola cantante Uxía Senlle.
Na cinta, o ex presidente uruguaio José Mujica actúa como fío condutor de tres historias doutros tantos puntos do planeta sobre as contradicións do sistema socioeconómico actual.
As vidas dun executivo xaponés que centra a súa vida no seu traballo para unha corporación, unha comunidade subsahariana no Monte Gurugú que soña con chegar ao primeiro mundo e a loita dunha familia madrileña por non ser desafiuzada da súa vivenda actúan como espello das desigualdades que xera o capitalismo en diferentes partes do mundo.
A proxección terá lugar este luns no salón da Casa da Cultura de Ourense a partir das 20,30 horas no primeiro pase e repetirase ás 23,00 horas.
Escribe o teu comentario