Francia tamén nega a ETA calquera negociación sobre a entrega de armas
O ministro de Interior galo lembra que "estas armas e explosivos constitúen probas das investigacións en curso".
O ministro do Interior francés, Bruno Le Roux, rexeitou toda negociación sobre a modalidade de entrega das armas da banda terrorista ETA despois de que esta anunciase que quedará totalmente desarmada a partir do 8 de abril.
"A única solución para un desarmamento con respecto á lei pasa por dar a coñecer a localización destas armas ás autoridades. A modalidade da súa entrega non pode ser obxecto de negociación algunha", apuntou Le Roux nun comunicado oficial do Ministerio do Interior francés.
No texto, Le Roux lembra o recente comunicado de ETA no que manifesta a súa vontade de "entregar as armas que ten ocultas en territorio nacional" francés. "Estas armas están en mans dunha organización terrorista cuxos membros son perseguidos ou buscados pola xustiza no contexto de procedementos criminais en Francia e en España", advirte.
"Estas armas e explosivos constitúen probas das investigacións en curso", polo que "só a autoridade xudicial está habilitada para facerse cargo delas", argumenta Le Roux, que advirte que "toda manipulación destas pezas podería entorpecer o curso da xustiza e o esclarecemento da verdade".
Le Roux conclúe que "con todo, se ETA ten intención de proceder á súa disolución e de someterse á lei, deberá entregar todas as súas armas a ambos os dous lados da fronteira".
Escribe o teu comentario