Rajoy di que non reformar a estiba é "romper as regras de xogo"
"O que non se pode facer é, por deixar en mala posición ao Goberno, prexudicar ao conxunto dos intereses dos españois", afirma.
O presidente do Goberno, Mariano Rajoy, lamentou que o Congreso dos Deputados rexeitase esta semana o decreto lei proposto polo Goberno referente á estiba e incidiu en que non levar adiante a reforma é "romper as regras de xogo", o que afecta ao "prestixio e crédito de España".
Rajoy realizou estas manifestacións en Vitoria, onde asistiu ao XV Congreso do PP do País Vasco e, entre outras cuestións, referiuse ao conflito da estiba e á negativa do Congreso para aprobar ao decreto lei cuxa convalidación era necesaria para liberalizar este sector e cumprir coa sentenza do Tribunal Europeo de Xustiza.
Neste sentido, Rajoy asegurou que hai cuestións que "non se pode permitir España" e advertiu de que, "sen querer entrar no fondo do asunto", o Parlamento "dun dos grandes países da UE, como é España, non pode dicir que non está disposto a cumprir as resolucións dos Tribunais Europeos".
"Non o pode dicir porque iso é romper as regras de xogo, as europeas e as do sentido común", afirmou, á vez que incidiu en que iso afecta o "prestixio e crédito" de España como país por ser "incapaz de cumprir as resolucións dos tribunais de xustiza.
Deste xeito, incidiu en que o Executivo mantén "a man tendida" xa que se trata dun asunto que se ten que "aprobar porque é unha obrigación de España como país".
"Son as regras de xogo de Europa, onde entramos voluntariamente e entrar significa aceptar as regras de xogo. Se todo o mundo fai como fixo o Parlamento nacional, como pode funcionar isto", cuestionou.
Por último, avogou por realizar un esforzo "por construír e actuar con responsabilidade" e se se quere criticar ao Goberno "que se faga, pero elixan ben os temas e actúen en consecuencia cos nosos compromisos". "O que non se pode facer nunca é por deixar en mala posición ao Goberno prexudicar ao conxunto dos intereses dos españois", concluíu.
Escribe o teu comentario