'Luceiro', totalmente recuperado, regresa ao mar este sábado
Tras gañar masa e musculatura despois de quedar atrapado nos aparellos dun barco, emprende a súa viaxe cara ao mar de Irlanda, onde será liberado.
Luceiro // Facebook CEMMA
Luceiro, o lobo de mar que foi rescatado o pasado mes de decembro en San Andrés de Teixido (A Coruña), iniciará este sábado o seu regreso ao mar logo de superar o seu período de recuperación, segundo informou a Xunta este venres nun comunicado.
Logo de ser rescatado a finais de 2016, Luceiro, que toma o seu nome do barco que o recuperou do mar, permaneceu os últimos meses baixo os coidados do centro da Coordinadora para o estudo dos mamíferos mariños (CEMMA), en Nigrán (Pontevedra).
Tras iso, foi trasladado ao Instituto Galego de Estudos de Acuicultura (Igafa), situado na Illa de Arousa (Pontevedra). Agora, tras recuperarse, inicia este sábado a súa viaxe ás augas de Irlanda, onde será liberado.
O barco que levará a Luceiro, que durante a viaxe dispoñerá de todo o necesario para chegar ao seu destino en óptimas condicións, partirá de Marín (Pontevedra) á primeira hora do sábado.
O animal recuperouse nestes meses das feridas na cabeza e nas aletas que presentaba cando foi recollido. Ademais, tamén se lle ensinou a comer por si só, a coller destreza para entrar e saír da auga e gañou peso e musculatura.
Luceiro quedou atrapado nos aparellos do barco que o rescatou o 5 de decembro de 2016.
Escribe o teu comentario