O equipo liderado por Alonso Montero á fronte da RAG cesa hoxe o seu mandato
A executiva estará en funcións ata a elección dos novos representantes, que previsiblemente se celebrará no mes de abril.
A Real Academia Galega aprobará este venres no seu pleno ordinario a convocatoria de eleccións internas nas que se decidirá a composición da nova Executiva que sucederá ao equipo liderado por Xesús Alonso Montero.
O pleno, que se celebra este venres 17 de marzo ás 17.30 horas, supoñerá o cesamento do equipo actual composto polo propio Alonso Montero, o secretario Henrique Monteagudo, Rosario Álvarez, Margarita Ledo e Andrés Torres Queiruga, que entrará nun período "en funcións".
Segundo indican os estatutos da institución Académica, unha vez aprobada a convocatoria de eleccións internas, posteriormente iniciarase un período de presentación de candidaturas que se pechará 48 horas antes da data da votación.
A pesar de que a normativa interna ofrece un prazo máximo de tres meses para fixar a convocatoria electoral, a vontade da actual Executiva é que se celebren no mes de abril, co obxectivo de facilitar o traballo da nova presidencia ante a cita das Letras Galegas.
De momento ningún académico trasladou publicamente a súa vontade de presentarse a este novo proceso, aínda que si se realizaron diversos chamamentos á "unidade" e ao "diálogo" para tentar lograr unha candidatura única.
Escribe o teu comentario