O presidente da CEG séntese "lexitimado e apoiado" e rexeita dimitir
Antón Arias cre que a actitude da patronal pontevedresa responde ao temor a que "as cotas de poder que tiñan algúns, as perdan".
O presidente da Confederación de Empresarios de Galicia, Antón Arias, descartou que entre os seus plans estea a dimisión, xa que, argumentou, séntese "lexitimado e apoiado polo conxunto" dos socios da entidade.
Nunha entrevista concedida á Radio Galega, Arias criticou que a organización estea "bloqueada" por "aqueles que votaron en contra" da súa candidatura. En particular, asegurou que o presidente da patronal pontevedresa, Jorge Cebreiros, ten "un comportamento antidemocrático", xa que "non respecta o que decidiu a maioría".
"Este non é un problema de persoas, se non de proxecto e de visión", dixo Antón Arias, para quen esta actitude responde a un temor ao cambio de modelo e a que "as cotas de poder que tiñan algúns as perdan".
Con todo, Arias indicou que, de momento, a entidade ten a viabilidade económica "encamiñada", tralo que descartou dimitir. "Non vou dimitir, porque me sinto lexitimado e apoiado polo conxunto da organización", subliñou.
Escribe o teu comentario