Un informe avala a imposibilidade da segregación de actividade de Ferroatlántica

O profesor Carlos Aymerich advirte de que se a Xunta a autorizase, supoñería un incumprimento da concesión.


|

Ferroatlanticacentral


Un informe apunta cara á imposibilidade da segregación de actividade de Ferroatlántica (do Grupo Villar Mir), o que avala a tese do comité de empresa de Cee-Dumbría-Centrais Hidroeléctricas, que sostén que é "ilegal" a segregación das actividades de produción de enerxía eléctrica e as ferroaleacións.


O informe elaborado a petición do comité de empresa polo profesor de Dereito Administrativo da Universidade da Coruña (UDC), Carlos Aymerich, foi presentado este martes, tres días antes da folga en protesta pola intención da empresa de vender as plantas de xeración de electricidade e a segregación de actividades.


Aymerich, ex portavoz do BNG no Parlamento, destacou, en base ao seu informe, que a Xunta de Galicia ten que autorizar "como mínimo" con carácter previo calquera transmisión dos aproveitamentos hidroeléctricos nos ríos Xallas e Grande dos que na actualidade é titular Ferroatlántica.


En caso de autorizar a dita transmisión a unha empresa diferente á actual titular, a Xunta debe comprobar que a sociedade á que se transfire "cumpre as condicións orixinais da concesión", asegura Aymerich.


De non ser así, se a Xunta autorizase a segregación, supoñería un incumprimento dos termos da concesión, o que levaría a unha extinción das concesións actuais, di o profesor, que advirte que, senon, poderíase incorrer nun delito de prevaricación administrativa.


NOVO CONCURSO


Neste suposto, as instalacións reverterían gratuitamente á Administración e, no seu caso, "sería necesario iniciar un novo procedemento de otorgamento de concesión" mediante a apertura dun concurso público.


Con este informe, os traballadores das fábricas de ferroaleacións de Dumbría e Cee (A Coruña) e das centrais hidroeléctricas dos ríos Xallas e Grande busca "achegar luz" á postura que sempre defenderon, e é que "calquera segregación de actividade é ilegal".


O comité, que denuncia "prácticas mafiosas" por parte da empresa para extorsionar os traballadores, reclama que as centrais permanezan dentro do grupo, asumindo a non segregación das actividades hidráulica e industrial.


FOLGA


Os traballadores confían en que a Xunta, do mesmo xeito que o fixo en 1992, "non permita segregar en dúas actividades". En caso de seguir adiante coa segregación de actividades, xa advirten que acudirán aos tribunais para tratar de impugnar o dito proceso.


Os traballadores de Ferroatlántica Cee-Dumbría-Centrais Hidroeléctricas están convocados para unha folga este venres 10 en protesta pola intención da empresa de vender as plantas de xeración de electricidade e a segregación de actividades.

relacionada O presidente de Ferroatlántica: "Non vender as centrais supoñería unha deterioración das fábricas"
relacionada Ferroatlántica anuncia a venda das dúas centrais hidroeléctricas de Galicia

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE