60 familias galegas teñen procesos de adopción abertos en Etiopía e Burundi
O PSdeG pide á Xunta que desbloquee estes expedientes, algúns dos cales levan en marcha 5 anos, e que se viron "truncados" tras o peche de Addis Galicia.
A portavoz de Política Social do PSdeG, Noela Blanco, pediu á Xunta que "desbloquee de maneira urxente" a paralización dos expedientes das case 60 familias galegas que teñen procesos de adopción abertos en Etiopía e Burundi.
En concreto, segundo apuntou a socialista a través dun comunicado, son nove familias galegas as que teñen expedientes abertos en Burundi, e hai 49 pendentes en Etiopía.
Os seus expedientes, como relatou Noela Branco, víronse truncados polo peche da ONG Addis Galicia, que exercía como entidade colaboradora de adopción internacional (ECAI) da Xunta.
Algúns procesos de adopción levan en marcha "cinco anos" e existen familias que están "pagando 215 euros ao mes ao orfanato" para a manutención dun neno que xa teñen asignado, indicou.
Neste escenario, a parlamentaria ourensá reclamou á Xunta que solicite á ECAI a devolución dos importes cobrados ás familias "só unha semana" antes de anunciar o seu peche e que contacte co Goberno para "explorar a vía diplomática".
Escribe o teu comentario