A Deputación da Coruña promove o espectáculo 'Maxia pola Igualdade'
A Biblioteca Provincial, o IES Puga Ramón e o Centro de Día de menores de Ferrol acollerán o espectáculo de Fani Triana, xunto ao ilusionista Martín Camiña.
A Deputación da Coruña programou o espectáculo 'Maxia pola Igualdade' nos seus centros con motivo do Día Internacional da Muller. En concreto, a Biblioteca Provincial, o IES Puga Ramón e o Centro de Día de menores de Ferrol acollerán o espectáculo de Fani Triana, xunto ao ilusionista Martín Camiña.
A primeira das actuacións será este martes, na Biblioteca da Deputación, ás 17,00 horas. O espectáculo conta como a protagonista chega a casa despois dunha xornada longa e como o traballo continúa con outras tarefas "nunha dobre xornada ás veces interminable", engade a institución provincial.
A ilusionista creará fantasías con louza de cociña, escobas, roupas, panos, e mobiliario de salón. Ademais, terminará facendo unha mostra de forza, "a mesma que durante tanto tempo levan mostrando as mulleres en defensa da loita pola igualdade", subliña.
O espectáculo protagonizado por Fani Triana está de xira por distintos concellos da provincia e forma parte da Rede Cultural da Deputación da Coruña.
Escribe o teu comentario