A Deputación da Coruña difunde a curta 'Corazón amoratado' contra a violencia machista
É a gañadora dun concurso de guións de alumnos de instituto e servirá para contribuír á prevención entre a mocidade.
Cun recordo especial á muller asasinada o luns en Chapela comezou a intervención da responsable de Igualdade da Deputación da Coruña, Ánxela Franco, no acto de presentación da curtametraxe 'Corazón amoratado', gañadora do concurso de guións contra a violencia machista elaborado polo alumnado do IES Puga Ramón. A área de Igualdade da Deputación da Coruña difundirá a curtametraxe por centros de ensino e entidades.
"Sen a implicación e o traballo incansable de todos e todas non poderemos conseguir eliminar a violencia machista. Sei que non é unha tarefa sinxela, pero tamén que mozos e mozas son unha peza imprescindible en construír un futuro en igualdade", dixo Franco durante a súa intervención.
Diante dun auditorio composto especialmente por mozos, a responsable da área de Igualdade da Deputación alertou do incremento dos casos de violencia entre a mocidade e fixo referencia ao recente estudo das universidades de Barcelona, Xirona e Rovira Virgili que recolle que o 62% das universitarias foron vítimas de violencia machista aínda que só o 9% denunciaron as agresións.
"Fai falta que as administracións actuemos de maneira coordinada e sen pausa impulsando accións dirixidas a concienciar á xente nova ante calquera situación de violencia machista, en particular dos micromachismos e violencias invisibles, que son o primeiro paso na escalada da violencia", subliñou Ánxela Franco.
Escribe o teu comentario