Morre un home ao caer por un viaduto na Cañiza tras un accidente
O home saltou a barreira e caeu polo viaduto duns 100-150 metros de altura, nunha zona de moi pouca visibilidade.
Un home de 41 anos, con identidade P.A.P. faleceu ao precipitarse por un viaduto da A-52, ao seu paso por A Cañiza (Pontevedra), cando se atopaba fóra do seu vehículo tras unha colisión en cadea e trataba de esquivar un dos coches implicados no accidente.
Segundo informou o CAE 112 Galicia, o suceso tivo lugar ás 22,30 horas no quilómetro 274 da A-52, dirección Benavente. En concreto, ao tratar de esquivar o vehículo, o home saltou a barreira e caeu polo viaduto duns 100-150 metros de altura, nunha zona de moi pouca visibilidade, con moita maleza e de moi difícil acceso.
Tras recibir a alerta, o CAE 112 Galicia mobilizou á Garda Civil, aos Bombeiros de Ponteareas e ao servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que certificaron o falecemento do home no punto.
Tamén foi informado o Servizo de Gardacostas de Galicia, persoal do Concello, os Bombeiros de Vigo e os efectivos do GES de Ribadavia por se fose necesaria a súa intervención.
Escribe o teu comentario