España é o segundo país da UE cos prezos máis caros de banda ancha
Ocupa o posto 14 de 28 na clasificación sobre Economía e Sociedade dixitais.
España é o segundo país da Unión Europea (UE) cos prezos máis altos de banda ancha fixa, só superado por Croacia, segundo reflicte un estudo publicado este mércores pola Comisión Europea sobre os progresos de todos os Estados membros en materia de economía e sociedade dixitais.
En concreto, o informe do Executivo comunitario sinala que o custo mensual da oferta de banda ancha fixa máis barata cunha velocidade de entre 12 e 30 Mbps equivale ao 2,7% dos ingresos brutos por persoa, o que sitúa ao país no posto 27 de 28.
Tras Croacia e España, os países con maiores prezos de banda ancha fixa son Eslovenia, Chipre e Portugal, mentres que os Estados membros cos prezos máis baratos son Suecia, Alemaña, Finlandia e Austria. A media no conxunto da UE é do 1,18% dos ingresos brutos dunha persoa.
O Índice de Economía e Sociedade Dixitais (DESI) mide os avances no ámbito dixital dos países do bloque comunitario e avalía cinco compoñentes: conectividade, capital humano, uso da internet, integración da tecnoloxía dixital e servizos públicos dixitais.
En conxunto, España ocupa o posto 14, un chanzo mellor que o ano anterior, e forma parte do grupo de Estados membros con resultados intermedios, xunto con Austria, Alemaña, Malta, Lituania, Portugal, Francia, Eslovenia, República Checa e Letonia.
Escribe o teu comentario