O PSOE propón que os menores poidan cambiar de xénero no rexistro
A proposición "despatoloxiza a transexualidade", ao eliminar requisitos médicos para a solicitude. Os colectivos trans piden cambios legais máis amplos.
O PSOE rexistrou este luns no Congreso dos Deputados unha proposición de lei que permite aos menores de 16 anos solicitar un cambio de xénero no rexistro sen autorización. Segundo apunta o documento, esta petición poderase levar a cabo a través dos proxenitores ou titores legais pero, no caso da oposición dun ou ambos os representantes, o menor poderá facer a solicitude a través do Ministerio Fiscal e será un xuíz quen resolva o procedemento "tendo sempre en conta o interese superior do menor".
Terminaríase así co límite imposto na lei sobre esta materia, aprobada polo Goberno socialista en 2007, que situaba en 16 anos a idade permitida para poder rexistrar o cambio.
Ademais, segundo explicou a deputada autonómica socialista Carla Antonelli, o texto "despatoloxiza a transexualidade" xa que elimina calquera requisito médico ou cirúrxico para solicitar a rectificación rexistral.
Así, a nova norma sinala que "toda persoa de nacionalidade española e con capacidade legal para iso, poderá solicitar a rectificación da mención rexistral de sexo" e que esta petición "non precisa máis requisitos que a declaración expresa da persoa interesada" xunto cos datos necesarios da inscrición que se pretende rectificar e, no seu caso, do número do Documento Nacional de Identidade.
NON DEBE ACREDITARSE CON TRATAMENTOS
O PSOE sinala, ademais, que a efectividade do dereito ao recoñecemento de identidade sexual non se poderá condicionar "en ningún caso" á acreditación de someterse a ningún tipo de cirurxías, a terapias hormonais ou a tratamentos psicolóxicos, psiquiátricos ou médicos de calquera tipo.
Antonelli sinalou que esta iniciativa vai poñer a España de novo na vangarda e mostrouse orgullosa de que volva ser o PSOE quen recolla nesta proposta as demandas dos colectivos de transexuais.
CAMBIO DE IDENTIDADE A ESTRANXEIROS
Xunto á deputada autonómica rexistrou a iniciativa a voceira do PSOE nesta materia no Congreso, Dores Galovart, quen defendeu a identificación sexual como un dereito porque "a transexualidade non é unha enfermidade, senón unha normalidade".
Galovart tamén destacou que esta nova norma que presentan os socialistas permiten solicitar o cambio de xénero a aqueles estranxeiros, con residencia en España, que acrediten a imposibilidade de levar a cabo este proceso no seu país de orixe porque implique risco para a súa vida ou integridade.
PIDEN UNHA LEI TRANS ESTATAL
Pola súa banda, a Plataforma polos Dereitos Trans celebrou nun comunicado esta iniciativa aínda que recalcou que é necesaria una unha Lei Trans Estatal.
Ademais, aínda que reclama o consenso e apoio á mesma por parte de todos os grupos parlamentarios, lamenta que o grupo parlamentario socialista non contase coa opinión e a voz da Plataforma, que asegura representar a máis do 80% do tecido asociativo trans do estado español.
Escribe o teu comentario