O Sergas ten que indemnizar con 79.000 euros á familia dun falecido por unha infección

|

Quirofanooperacion


O Sergas foi condenado a indemnizar con 79.000 euros á familia de Manuel Rodríguez Álvarez, falecido no Hospital da Costa de Burela (Lugo) por unha infección contraída en quirófano durante unha operación de vesícula mediante a técnica de laparoscopia.


A sentenza do Xulgado Contencioso-Administrativo Número 2 de Santiago do 26 de xaneiro, á que tivo acceso Europa Press, argumenta que "a infección nosocomial non pode aparecer como manifestación dun suceso ordinario no desenvolvemento da actividade sanitaria porque os pacientes esperan recibir uns mínimos niveis de calidade do servizo nun centro hospitalario público, que inclúen a adopción de distintas medidas de control dirixidas a impedir as infeccións".


"Cando eses controis faltan ou resultan insuficientes, como sucedeu no caso presente, na media en que non están en condicións de ofrecer esas garantías mínimas de calidade no relativo ás condicións de hixiene e asepsia, a Administración sanitaria ten que asumir as consecuencias danosas que deriven desa falta de condicións esixibles", segundo se esgrime no fallo.


Deste xeito, o tribunal subliña que "o usuario do servizo público sanitario non ten obrigación de soportar aquela carencia ou insuficiencia na adopción das medidas de asepsia e hixiene".


OPERACIÓN "NON URXENTE E SINXELA"


A sentenza deriva dun recurso presentado pola avogada da familia, Mar Viveiro, do bufete Barreiro Viveiro de Santiago, contra a resolución da Secretaría Xeral técnica da Consellería de Sanidade, na que inicialmente desestimaba a reclamación de responsabilidade polo falecemento.


Os feitos producíronse o 19 de marzo de 2011, cando Manuel Rodríguez, de 59 anos, faleceu por unha infección nosocomial ou postoperatoria, provocada pola "defectuosa asistencia sanitaria prestada no Hospital da Costa de Burela", segundo sostén a representación da familia do falecido, que lembra que era unha "operación programada, non urxente e sinxela".


A resolución xudicial expón, así mesmo, que "non se cumpriu co requisito de demostrar que se velou eficazmente pola asepsia evitando a presenza de xermes nocivos no recinto do establecemento sanitario". "Ao paciente, que ingresou no hospital para unha operación programada, non urxente e sinxela, fóronlle inoculados durante a actuación médica os xermes clostridium e enterococcus, por non extremarse as medidas precautorias necesarias", segundo abunda.


"XUSTIZA"


A familia do paciente falecido no Hospital da Costa de Burela considera, tras coñecer a sentenza, que "Por fin tras seis anos se fai xustiza".


Así mesmo, espera que "sirva para evitar que sucedan este tipo de feitos tráxicos e dolorosos, evitables se se cumpriu con todos os coidados esixibles nun hospital público".

relacionada O Sergas terá que indemnizar con 100.000 euros a un vigués ao que amputaron unha perna

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




Non está permitido verter comentarios contrarios á lei. Nos reservamos o dereito a eliminar os comentarios que consideremos fora de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal Cookies Consello editorial Publicidade
Powered by Bigpress