Un ex seminarista de León denuncia por abusos a un cura destinado no Barco
Corenta anos despois, asegura que o seu non é un caso illado. Este sábado hai convocada en Astorga unha manifestación de ex seminaristas para denunciar este tipo de abusos.
Un veciño da localidade leonesa de Borrenes, Emiliano Álvarez, decidiu dar un paso á fronte, corenta anos despois, e denunciar ante o Bispado de Astorga os abusos sexuais dos que foi vítima cando á idade de 10 anos ingresou no Seminario Menor de La Bañeza (León) e comezou a ser obxecto de tocamentos, presuntamente, polo entón educador e hoxe cura destinado no municipio ourensán do Barco de Valdeorras, Ángel Sánchez Cao.
Precisamente, o denunciante anunciou o seu propósito de participar este sábado en Astorga na manifestación que ex seminaristas da dita localidade de La Bañeza convocaron para denunciar este tipo de prácticas cuxa revelación xa se traduciu no cesamento dos labores parroquiais de Ramos Gordón, quen foi párroco de Tábara (Zamora) durante 26 anos, tras unha denuncia de abusos sexuais cara a, polo menos, dous irmáns xemelgos de 14 anos que en 1989 cursaban os seus estudos no seminario onde el exercía de docente.
Á actuación presuntamente delituosa do aludido sumaríase agora, segundo explicou Emiliano Álvarez nunha entrevista en Onda Cero recollida por Europa Press, a do ex educador deste mesmo centro e hoxe cura no Barco de Valdeorras, Ángel Sánchez Cao, a quen acusa dos abusos dos que, segundo refire, foi obxecto durante o seu paso polo seminario entre os anos 1977 e 1981 e ao que chegou con dez anos.
Emiliano apunta que, polos comentarios doutros compañeiros, se trataba dunha práctica habitual desde facía anos e asegura que este tipo de episodios se producían pola noite, cando o educador, provisto dunha lanterna, achegábase á súa cama e a doutros menores.
ÍA CON LANTERNA E "BAIXÁBACHE O PIXAMA"
"Poñíache a lanterna nos ollos, baixábache o pixama...", lembrou o ex seminarista, quen insiste en que el non era a única vítima de quen por aquel entón chamaban 'cola-cao'. "A noite que che tocaba a ti era toda unha vergoña e non levantabas a cabeza ao día seguinte", apunta a presunta vítima, que suma a esa situación as "hostias que levabas encima, como ías dicir nada entón".
Tras calar o sucedido ata agora, Emiliano Álvarez explica que decidiu dar o paso para que "se saiba e se investigue, porque esa merda non é miña senón del" e co fin de seguir coa súa vida, tras superar os seus problemas coas drogas, o que en ton irónico lle permitiu ter un "máster en programas de rehabilitación", e mesmo problemas de identidade sexual.
O denunciante confesa que o máis duro foi confesarlle o ocorrido á súa propia nai polo desgusto causado. "Imaxina o que supón para unha muller saber que me mandou alí polo meu ben e que ocorría isto", lamenta Emiliano, quen tamén lembra que para pagarlle a educación seu pai "deixou o pelexo".
Corenta anos despois daquel episodio, este veciño de Borrenes non espera nada pois "o inferno está aquí, e el que coma a súa merda ou o que teña que comer", aínda que si avogou por que situacións deste tipo non volvan producirse e se adopten todas as prevencións e vixilancias polo ben dos nenos, "que son o tesouro do futuro".
Tamén expresa o seu desexo de que outras vítimas destes feitos "descolguen o teléfono e digan: Eu tamén, porque o silencio é sinónimo de permisividade".
Escribe o teu comentario