Sanidade actualiza as listas de selección temporal do persoal de xestión e servizos
O Sergas recibiu máis de 18.000 inscricións. A maioría, máis de 7.000, son para a categoría de celador.
O Servizo Galego de Saúde (Sergas) publicou os resultados definitivos do proceso de actualización das listas de selección temporal de diversas categorías de persoal de xestión e servizos, que xeraron 18.038 inscricións, ao sumar as do anterior proceso e as de nova xeración.
Segundo informou a Consellería de Sanidade, o Diario Oficial de Galicia (DOG) publica na súa edición deste mércores o anuncio polo que se dá publicidade á orde de prelación e á puntuación definitiva obtida polos aspirantes admitidos no proceso de actualización das listas de selección temporal das categorías de celador, cociñeiro, axudante de cociña, grupo auxiliar da función administrativa, lavandero e pasador de ferro.
Sanidade sinalou que se xeraron 18.038 inscricións e destacou que a categoría de celador rexistrou o maior número de solicitudes, con 7.154.
A Consellería de Sanidade concretou que o 11 por cento foron novas inscricións realizadas despois da data límite de presentación de inscricións do anterior proceso e "só resultaron excluídas do proceso o 0,84% das solicitudes de participación", segundo abundou.
Sanidade incidiu en que estas "son as primeiras listas de xeración automática" desas categorías de persoal de xestión e servizos nas que "se aplican as melloras acordadas no novo pacto sobre selección de persoal estatutario temporal do sistema público de saúde de Galicia", publicado no DOG o 30 de xuño de 2016.
As listas, que os aspirantes admitidos poden consultar na web www.sergas.es, entrarán en vigor con efectos para chamamentos desde este xoves 16 de febreiro de 2017.
Escribe o teu comentario