Ingresada unha profesora de infantil de Ferrol con meninxite
Sanidade di que se trata dun "caso illado" e a dirección do centro asegura que "está descartado a virulencia e gravidade" dun brote.
O ingreso dunha profesora do colexio concertado Fillas de Cristo Rey de Ferrol afectada de meninxite xerou certa preocupación e alarma na comunidade educativa dun centro situado na rúa Coruña, no barrio da Magdalena, pero a Consellería de Sanidade indicou que considera que se trata dun "caso illado".
Segundo a información á que tivo acceso Europa Press, a docente, que imparte ensino a nenos de tres anos en Educación Infantil, atópase de baixa e hospitalizada.
"Á espera dos resultados definitivos do cultivo, non podemos pautar ningunha medida, que non sexa a prescrita polos organismos pertinentes", explicou o centro educativo aos pais a través dun comunicado.
Así, á espera dos resultados de Medicina Preventiva e como pasos previos déuselles traslado aos pais para que estean atentos "ante determinados síntomas, como dores fortes de cabeza, rixidez no pescozo, ademais de vómitos e náuseas".
TRANQUILIDADE
Ademais, o centro tamén quixo enviar unha mensaxe de tranquilidade á comunidade educativa. "Descartouse a virulencia e gravidade que ás veces asociamos a esta enfermidade", manifestou.
"Pautáronsenos unha serie de medidas para as persoas en contacto directo coa profesora durante a última semana", apuntou en relación ás pautas promovidas por Sanidade, que consisten na administración aos nenos de tres anos de "profilaxe antibiótica como medida preventiva". Ao resto de alumnos do colexio, "ao non ser considerado grupo de risco, non será preciso a prescrición de medicación", segundo concreta.
Tamén se destacou por parte do centro educativo que estas medidas preventivas "non alterarán a rutina diaria e os alumnos poden asistir con normalidade ao colexio".
EVOLUCIÓN FAVORABLE
Por parte da Consellería de Sanidade confirmouse este caso e indicouse que "segue ingresada unha persoa, que evoluciona favorablemente". "De momento non se pode falar de brote, xa que entendemos que se trata dun caso illado e que están activados todos os protocolos", abundou.
Tamén Sanidade asegurou que "non está confirmado que se trate dunha infección bacteriana, xa que son probas que normalmente tardan uns días". "Sospéitase de que se trata dunha meninxite bacteriana, aínda que podería ser vírica ou doutro tipo, algo que non saberemos ata que estean resoltos os cultivos", aclarou e destacou que "se activaron os protocolos co centro escolar".
Escribe o teu comentario