Un incendio afecta a unha fábrica de madeiras de Cambre
O lume queimou un silo de labras almacenado no interior das instalacións, o cal complicou as tarefas de extinción.
// @ConcelloCambre
Os Bombeiros de Arteixo traballaron arreo durante toda a tarde e parte da noite do luns na extinción dun lume declarado nunha empresa de madeiras situada no lugar de Xira, en Sigrás, no municipio de Cambre.
Segundo informou o 112 Galicia, o lume afectou unicamente a un silo de labras, almacenado no interior das instalacións. Foi precisamente, a gran cantidade de labras almacenadas o que complicou as tarefas de extinción.
Finalmente, os servizos de emerxencias alí desprazados indicaron que sobre as 22,00 horas do luns o lume quedara totalmente extinguido. Ademais, encharcaron o silo ata arrefrialo completamente.
No operativo despregado participaron ademais dos bombeiros, axentes da Garda Civil, Policía Local e de Protección Civil de Cambre e Culleredo.
Tamén, por parte do 112 Galicia informouse da situación ao servizo de Medio Ambiente da Xunta de Galicia e a Urxencias Sanitarias de Galicia-061 aínda que non houbo que lamentar danos persoais.
Escribe o teu comentario