O PSdeG reclama "responsabilidades políticas" polas "evidencias" de amaño do concurso de ambulancias do 061
Un xulgado de Santiago investiga se a empresa gañadora recibiu información privilexiada para facerse coa concesión.
O PSdeG reclamou "explicacións e responsabilidades políticas" polas presuntas irregularidades no concurso do Sergas para a adxudicación do servizo de ambulancias do 061.
Os socialistas, a través dun comunicado emitido este domingo, informaron que presentaron unha batería de preguntas na Cámara galega na que "urxen" ao Executivo autonómico unha "resposta contundente" ante "as evidencias específicas sobre presunta información privilexiada por parte dunha empresa concreta" neste concurso.
O Xulgado de Instrución Número 2 de Santiago investiga se puido haber prevaricación, información privilexiada e tráfico de influencias na adxudicación dun concurso da Fundación Pública de Urxencias Sanitarias de Galicia 061, dependente do Servizo Galego de Saúde (Sergas), para o servizo de transporte sanitario urxente no ano 2014, cuxo montante ascende a 121,6 millóns de euros.
O responsable de Sanidade do grupo socialista no Parlamento galego, Julio Torrado, esixiu á Xunta que esclareza se o concurso "foi realizado de maneira correcta, transparente e cumprindo toda a legalidade".
Torrado cuestionou "como é posible" que "poida haber evidencias" de que existían empresas que coñecían os detalles do concurso "antes de que se convocase".
Neste sentido, o PSdeG pregunta ao Goberno galego "que tipo de medidas" tomou respecto deste caso. "Os socialistas galegos xa preguntamos por esta situación en setembro de 2015, cando revelamos o presunto amaño da concesión denunciado polas empresas para concederllo en boa parte a Ambuibérica, representada por un ex alcalde e un ex deputado do PP", manifestou o PSdeG.
Neste sentido, lembrou que, por aquel entón, o ex deputado socialista Xosé Sánchez Bugallo cuestionou a "sospeitosa alteración das condicións do contrato" das ambulancias do 061, xa que ascendía a "121 millóns de euros iniciais por catro anos e ampliable ata 197 por dous anos máis", o que, segundo o PSdeG, "incumpre as recomendacións da Comisión Nacional do Mercado de Valores (CNMV) sobre equidade e transparencia".
Escribe o teu comentario