A oposición pide á Xunta "explicacións urxentes" polo concurso de ambulancias do 061

Na proposición non de lei presentada por En Marea pedíase tamén a retirada das ambulancias de apoio ao 061


|

061ambulancia


Os grupos da oposición no Parlamento galego apoiaron este xoves unha iniciativa na que, entre outras cuestións, reclaman á Xunta que dea "explicacións urxentes" por o concurso de ambulancias do 061 investigado pola xustiza por posible prevaricación, unha reclamación á que se opuxo o PP.


A cuestión foi introducida nunha proposición non de lei presentada por En Marea a través dunha emenda do Grupo Socialista que defendeu o deputado Xulio Torrado.


Segundo o texto, apoiado por todos os grupos menos o PP, reclámase á Xunta que de "explicacións urxentes e claras" sobre a concesión do servizo de ambulancias do 061 que "está a ser investigado nos xulgados" de Santiago.


Durante a súa intervención, Xulio Torrado lembrou que este é "un feito moi grave" que ten "ao sector moi preocupado", xa que, ademais de facer referencia a un servizo relevante, abarca "contías gravísimas", de máis de 120 millóns de euros.


O deputado, que avanzou que o seu grupo presentará iniciativas por outras vías para pedir á Xunta que "dea explicacións", admitiu que "hai que respectar os tempos da xustiza", aínda que "os tempos da política deben ser outros".


CUESTIÓNS ECONÓMICAS


Durante a súa intervención, a deputada do BNG Montse Prado lembrou que a formación nacionalista "denunciou" no seu momento este concurso e pediu a súa "rectificación" pola "temeridade" que supoñía adxudicar un servizo deste tipo "á baixa".


Para o BNG, o Goberno galego primou neste caso "cuestiones económicas e facilitar o negocio á empresa" adxudicataria "por encima do servizo", o que levou a que "o empresariado galego desaparecera practicamente do sector" do transporte sanitario.


"Está case todo en mans de Ambuibérica, cuxo propietario ten vinculacións co PP", dixo Prado, á vez que indicou que, ademais, a empresa "vén precedida de escándalos noutras comunidades autónomas".


Ante esta situación, criticou a deputada, "a Xunta fixo oídos xordos" e "non rectificou" o concurso. "Agora, alegrámonos de que un xulgado investigue o que está a pasar nesta situación", resolveu.


DEFICIENCIAS NO SERVIZO


Eva Solla aceptou incorporar esta emenda á súa iniciativa e apoiouna como complemento á súa proposición non de lei, na que se pedía á Xunta a retirada das ambulancias de apoio para o 061 e a implementación de novas unidades asistenciais e medicalizadas.


En concreto, a deputada de En Marea denunciou "importantes deficiencias" no transporte urxente do 061 en Galicia, con "recursos insuficientes para cubrir todas as zonas sanitarias".


Do mesmo xeito, criticou a existencia das chamadas "ambulancias de apoio ao 061", dotadas unicamente con un técnico condutor e nas que o paciente "vai detrás sen ningún tipo de asistencia". "Parécenos unha barbaridade que isto estea a suceder", dixo Solla, quen apuntou que, aínda que este tipo de transporte ideouse como algo "excepcional", acode "a todo tipo de urxencias" e "xa se produciron contratempos e mesmo algún falecemento".


O PP ASEGURA QUE "NON EXISTEN DEFICIENCIAS"


O Partido Popular, pola contra, votou en contra da iniciativa ao entender que "non existen deficiencias do transporte sanitario urxente" de Galicia a día de hoxe.


A deputada popular Encarna Amigo enumerou os recursos que ten despregados o 061 ao longo da xeografía galega para garantir a súa idoneidade e subliñar que a entidade "realiza un seguimento continuo das necesidades da poboación" para que o servizo se preste con "equidade e eficiencia".


Amigo puxo en dúbida os cocientes de asistencia recomendados pola OMS ós que fixo referencia Eva Solla na súa iniciativa, apuntando que "deberían ser valorados no seu contexto", e asegurou que as ambulancias de apoio, que se usan desde 98, "son empregadas por pacientes que non presentan unha urxencia vital".


Con todo, a deputada popular, que non se pronunciou sobre a reclamación de explicacións polo concurso de ambulancias investigado xudicialmente, asegurou que o uso de ambulancias de apoio foi "diminuíndo de forma notable" desde 2010.

relacionada Investigan se houbo prevaricación na adxudicación dun concurso de ambulancias do 061

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE