Supermercados usan a campaña publicitaria dos gandeiros para afundir os prezos do coello
Os cunicultores senten que "están a tirar o diñeiro" ao investir nesta campaña de promoción da carne de coello, pois algúns supermercados volvérona na súa contra utilizando o coello como produto reclamo.
// @unions_agrarias
A Unión de Pequenos Agricultores e Gandeiros (UPA) lamentou que parte da distribución estea a aproveitar a campaña publicitaria paga pola interprofesional do coello (Intercun) para baixar o prezo deste produto por baixo dos 4 euros/quilo, o que supón unha banalización do produto, segundo informou nun comunicado.
En concreto, os gandeiros senten "que están a tirar o diñeiro" ao investir nesta campaña para que, finalmente, algúns distribuidores volvan esta promoción na súa contra e usen unha vez máis o coello como un produto reclamo.
UPA enviou senllas cartas a Anged, Aces e Asedas para comunicar a súa queixa pola banalización deste produto nos supermercados españois.
Os produtores de coello, que levan varios anos encadeando unha crise económica que "varreu miles de granxas" están "enfurecidos", porque esta campaña nacional de publicidade financiouse, en gran medida, co seu diñeiro. "Tiñamos as nosas esperanzas postas nesta campaña e resulta que a distribución amañouse para que os gandeiros esteamos a tirar pedras sobre o noso propio tellado", din desde UPA.
A campaña, composta por varios anuncios publicitarios e carteis en diferentes plataformas, tanto en medios tradicionais como en redes sociais, presenta a unha avoa que busca "enganchar" ao consumidor novo a través de dúas mensaxes principais: a calidade nutricional da carne de coello e a súa versatilidade gastronómica.
Carne de coello Como o fas hoxe? Produto e campaña para a xente de hoxe protagonizada por unha entrañable avoahttps://t.co/oTkr1MDopJ pic.twitter.com/xIz1ldYe17
— InnovaDespensa (@InnovaDespensa) 2 de febreiro de 2017
Tras varios anos vendendo por baixo do custo de produción, o sector en España xa conta con menos de 1.400 explotacións, cifra que contrasta coas 3.087 granxas que existían no ano 2011.
Escribe o teu comentario