A Xunta volverá pedir a licenza para converter o Castelo de Monterrei en Parador
Os socialistas acusan o goberno autonómico de levar seis anos "agredindo" esta acrópole.
O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, explicou que o Goberno galego volverá a pedir a licenza para converter o Castelo de Monterrei en Parador tras a anulación do plan xeral de ordenación municipal (PXOM) ao amparo das normas subsidiarias que agora están en vigor na localidade.
Así o manifestou o tamén conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza en resposta a unha pregunta na que o deputado socialista Raúl Fernández se interesaba polas consecuencias que tivo para a Xunta a anulación por parte do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) da licenza de obra á Axencia de Turismo de Galicia para converter esta acrópole en parador.
Respecto diso, o vicepresidente explicou que "coas normas subsidiarias" a limitación que marcaba o PXOM "baseada na superficie e o número de habitacións" non existe polo que a Xunta volverá solicitar " a licenza" ao "amparo da normativa que está vixente".
Ademais, Alfonso Rueda censurou que coa proposta que os socialistas galegos fixeran para esta infraestrutura "o 83% da superficie destinábase a uso empresarial" e "só o 17% a uso público". "Exactamente o contrario do que se está producindo agora coa proposta da Xunta", manifestou.
Pola súa banda, o parlamentario socialista Raúl Fernández criticou que o Executivo galego leve "seis anos agredindo" a esta acrópole, catalogada como Ben de Interese Cultural (BIC) na categoría de monumento.
Escribe o teu comentario