Suárez espera non recorrer á cuestión de confianza para aprobar os orzamentos

O alcalde non quixo fixar unha data pero asegura que é "fundamental" o telos aprobados neste primeiro trimestre


|

Jorgesuarezprimarias


O alcalde de Ferrol, Jorge Suárez (FeC), mostrou a súa confianza en que "haberá acordo" con outras forzas políticas polo que augurou que non terá que presentar unha moción de confianza para poder aprobar o orzamento municipal para este ano 2017.


En declaracións aos medios, o rexedor considerou que "as persoas que "deron o seu voto" á súa investidura "son o suficientemente responsables para darse conta de que sen uns orzamentos" estaríase "tendendo unha alfombra vermella" para que a "nefasta dereita" do período 2011-2015 "volvese ao poder en 2019".


Sobre esta cuestión, Suárez asegurou que a cuestión de confianza sería o "último recurso" e "algo que non está descartado". "Aqueles que nos chaman fráxiles, covardes e non sei cantos improperios máis nunca van dar o paso valente de querer gobernar a cidade ata 2019 e van estar na dinámica do bloqueo constante co obxectivo de aplicar o mero desgaste para obter réditos electorais en próximas citas", manifestou o alcalde en alusión ao PP.


APOIOS


Con todo, Jorge Suárez deixou claro que o seu executivo "non renuncia a ningún tipo de apoios" e lembrou que o documento é "aberto". Así, sinalou que pola "ideoloxía" de FeC é máis fácil obter a colaboración de partidos como o PSOE ou o BNG que do PP do que asegurou "descoñecer cal vai ser a súa liña de actuación".


"Oxalá que saquemos adiante un orzamento apoiado por 25 persoas", manifestou en referencia ao total dos edís que compoñen a corporación ferrolá e antes de advertir aos grupos de esquerda que "se non se aproveita este momento" virá, de aquí a 2019, 'unha longa noite de pedra', en alusión á obra de Celso Emilio Ferreiro.


En canto aos prazos, Suárez rexeitou fixar unha data concreta para a entrada en vigor destas contas, aínda que asegurou que "é fundamental o telos aprobados este primeiro trimestre para poder acometer actuacións concretas" e que para iso o seu grupo buscará "o máximo dialogo e transparencia para conseguir un documento que de satisfacción ás necesidades da cidade".


VERSIÓN DO PP


Pola súa banda, a portavoz do grupo municipal do PP, Martina Aneiros, catalogou o borrador de orzamentos do equipo de goberno de Ferrol "de incompleto, sen os documentos fundamentais, chafalleiro e pouco rigoroso".


Así, a popular trasladou nunha comparecencia pública ante medios de comunicación que o documento que obra en poder de todos os grupos "é un borrador xenérico, elaborado rapidamente e ás présas, sen criterio e que carece de concreción nas partidas de varias áreas, cunha memoria política pouco rigorosa e que falta á verdade", acusando o alcalde de "seguir guiándose pola lei do mínimo esforzo".


A pesar destas afirmacións, Aneiros asegurou que no Partido Popular está "aberto" a negociar "para mellorar este documento de mínimos presentado, no que hai moita marxe de mellora".

relacionada Noriega descarta que o escenario político da Coruña poida reproducirse en Santiago
relacionada Ferreiro perde a cuestión de confianza

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE