O presidente do TSXG non quere "de volta" a maxistrados que participen en política
Miguel Ángel Cadenas opina que "a viaxe á política" deixa "secuelas" e unha sospeita "permanente" sobre o xuíz.
O presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), Miguel Ángel Cadenas, opina que "a viaxe á política" de maxistrados que ocupan "cargos de representación partidaria" debería ser "de ida pero non de volta".
Así o indicou nunha entrevista á Radio Galega recollida por Europa Press, na que Cadenas matizou que hai outros cargos políticos que son ocupados por maxistrados que "non deixan secuelas" pero que os de representación partidaria deixan "unha sombra de sospeita de futuro máis ou menos permanente sobre o cargo xudicial que nun momento determinado abandona a carreira xudicial para dedicarse á política".
Asismismo, Cadenas non cre que deba ser un fiscal o que se encargue das instrucións xudiciais, polo que indicou que é "absolutamente indispensable" a existencia dun xuíz de garantías que vixíe o proceso.
Así as cousas, aposta porque "quen se encargue da investigación penal da instrución material" sexa un "investigador superior en materia penal que teña un status e unha situación absolutamente independente, con autonomía de actuación e de decisión fronte a calquera outro poder".
INSTRUCIÓNS LONGAS
Preguntado por "instrucións longas" como as da Operación Pokemon, Cadenas manifestou que "será cando se desvele plenamente o contido da instrución cando se poida facer un xuízo de valor sobre se houbo unha excesiva dilación".
Por último, cre que ante as filtracións de sumarios deberían levar a cabo pescudas para "dirimir se existen responsabilidades disciplinarias ou penais", algo que a actualidade "non se está facendo".
"Evidentemente non, pero que se debería facer, sen dúbida que si, e que é responsabilidade tamén do xuíz activar ese mecanismo. A petición das partes, especialmente do Ministerio Fiscal, ou a petición propia, indubidablemente tamén", remarcou.
Escribe o teu comentario