A oposición reprocha ao PPdeG o seu rexeitamento a "todas e cada unha das emendas" dos orzamentos

"Pola mañá ofrécenos diálogo pero, pola tarde, utiliza a súa maioría", critica Pontón. Os populares defenden que houbo un "esforzo de diálogo" aínda que non se vexan froitos.


|

Portavocesparlamento


En Marea, PSdeG e BNG coincidiron este martes en criticar que o Partido Popular rexeitase toda as emendas aos orzamentos da Xunta para 2017, que serán aprobados no pleno extraordinario do luns, mentres que o PPdeG asegurou que houbo un "esforzo de diálogo" e de "aproximación" coa oposición.


Deste xeito, na rolda de prensa posterior á reunión da Xunta de Portavoces, o portavoz parlamentario de En Marea, Luís Villares, censurou que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, realice "moitos brindes ao sol" nas súas "comparecencias mediáticas" pero que "á hora da verdade" non acepte "nada".


"Entendemos que se nos poida rexeitar as emendas á totalidade pero que, emenda por emenda parcial, non haxa nin unha soa que sexa admisible por parte do Partido Popular parécenos absolutamente incomprensible", denunciou para asegurar que "con esta actitude" evidénciase que "nin sequera hai unha operación cosmética" de "pretender chegar a acordos".


Nesta liña, o portavoz socialista Xoaquín Fernández Leiceaga lamentou que Feijóo manteña o criterio de "rexeitar todas e cada unha das emendas presentadas" pola oposición ás contas autonómicas, un feito que, na súa opinión, "dá medida do seu talante político".


Así mesmo, ironizou con que as contas "non só se fixesen nun tempo récord --despois de que o conselleiro anunciase que as tiña listas antes da campaña electoral de setembro-- senón que ademais son perfectas ao rexeitar todas as emendas".


Pola súa banda, a líder do Bloque, Ana Pontón, asegurou que este rexeitamento de emendas demostra que "a palabra de Feijóo vale máis ben pouco". "Pola mañá ofrécenos diálogo pero, pola tarde, utiliza a súa maioría e non é capaz de aceptar nin unha soa emenda", criticou.


Ademais, aproveitou para argumentar que as contas que serán aprobadas deixan ver "un Goberno que non ten ideas novas, que está esgotado e que inicia unha lexislatura vendendo aos galegos máis do mesmo".


"ESFORZO DE DIÁLOGO"


Preguntado polas críticas dos grupos da oposición, o portavoz parlamentario do PPdeG, Pedro Puy, ironizou con que se estes reproches procedían dos grupos da oposición dos concellos de Vigo ou de Pontevedra e, tras iso, asegurou que o seu grupo fixo "un esforzo de aproximación" e de "diálogo" coa oposición.


"Analizamos todas as emendas que nos fixo a oposición e deuse cumprida resposta á maioría delas nos debates", destacou Pedro Puy para recoñecer que "ás veces é difícil chegar a acordos cando as emendas son de supresión ou cando solicitan financiar cuestións extraendo fondos de partidas que teñen un compoñente finalista".

relacionada ​Prorrogados os orzamentos galegos ata que se aproben os de 2017 en febreiro
relacionada ​O BNG propón "axilizar" o Parlamento e que a cidadanía presente as súas queixas na Cámara

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE