Santiago acollerá un desfile de Star Wars polo 40 aniversario da primeira cinta da saga

Haberá unha homenaxe á actriz Carrie Fisher, que interpretou á princesa Leia, e espérase que participe algún actor da saga


|

Starwarssantiago


O próximo 27 de maio Santiago de Compostela acollerá un desfile de Star Wars para celebrar o 40 aniversario da estrea da primeira película da saga creada por George Lucas, 'Unha nova esperanza'. O evento desenvolverase polas rúas compostelás e terminará na Praza do Obradoiro.


A concelleira de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo, Marta Lois, acompañada polos representantes da Tropa Korriban, Manuel Ángel Gayoso e Andrés Torreiro, presentaron este martes o desfile dos Imperial Stormtroopers, tamén coñecidos como Soldados Imperiais, e confirmaron que o evento homenaxeará á actriz que interpretou ao personaxe da princesa Leia, Carrie Fisher, falecida o pasado 27 de decembro.


Ademais, os representantes da Tropa Korriban, asociación sen ánimo de lucro que organiza este acto, informaron que "están en contacto" con actores da primeira triloxía para que participen no evento. En concreto, aseguraron ter a un xa confirmado. Aínda que non desvelaron de quen se trata, si deixaron claro que non será Harrison Ford.


Con motivo desta conmemoración, a Tropa Korriban convocou ás asociacións de fans de Star Wars, tanto de España como doutros países. Para participar no desfile, segundo explicou Torreiro, só é necesario ter un disfrace --que pode ser de calquera personaxe da saga ou do universo expandido-- e encher un formulario de contacto na páxina web da asociación (www.imperialstormtroopers.es/).


Esta será a terceira vez que se organiza un acto deste tipo na capital galega, a primeira ocasión foi en maio de 2010, con motivo do 30 aniversario da estrea de 'O Imperio Contrataca'. Segundo indicou a concelleira de Turismo, aquel evento foi un "éxito" e contou con máis de 20.000 asistentes.


MANTER O ÉXITO DE EDICIÓNS ANTERIORES


Por mor deste primeiro evento creouse a Tropa Korriban, asociación de fans de Star Wars en Galicia, que participou en multitude de eventos ao redor da saga de ciencia ficción e en 2013 organizou o segundo desfile en Santiago, neste caso con motivo do 30 aniversario de 'O retorno do Jedi'.


O responsable da Tropa Korriban afirmou que este ano esperan "polo menos" manter o éxito das edicións anteriores, confían en que haxa máis de 300 persoas no desfile e outras 20.000 no público. Pola súa banda, Marta Lois destacou que se trata "non só dun evento lúdico" senón que "move a moitas persoas" e ten un impacto "moi importante" na cidade.

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE