Eixo Atlántico pide por carta a Feijóo que "faga valer o seu peso"

A entidade pon énfase nas infraestruturas do "mapa ferroviario" galego, e non só na "tomadura de pelo colectiva" do AVE.


|

Trenvias


O secretario xeral do Eixo Atlántico, Xoán Vázquez Mao, remitiu unha carta ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, na que lle insta a "facer valer o seu peso como único presidente (autonómico) con maioría absoluta", co fin de defender ante o Ministerio de Fomento, con cuxo titular se reúne este martes, e esixir a conclusión das infraestruturas ferroviarias en Galicia.


Adxuntos á carta, segundo indicou a entidade, o Eixo Altántico remitiu varios informes, un deles presentado recentemente en Monforte e no que participou, para a súa elaboración, o expresidente socialista Fernando González Laxe, e o que fose director xeral de Mobilidade no seu primeiro goberno, Miguel Rodríguez Bugarín.


As peticións desta entidade son, en síntese, completar a conexión ferroviaria Vigo-Tui, a denominada saída sur de Vigo; a conexión ferroviaria Lugo-Ourense e a conexión ferroviaria Monforte-Palencia, que se incluíu no informe sobre o porto seco de Monforte que recentemente se deu a coñecer e no que se inclúe unha análise das posibilidades desta plataforma se se mellora a conexión por tren.


Na súa misiva dirixida ao presidente da Xunta, que ten data do 30 de xaneiro, Vázquez Mao advirte de que "é certo que o AVE é unha prioriodad, pero non é menos certo que constitúe unha tomadura de pelo colectiva que se produciu nos últimos 25 anos por parte de todos os Gobernos de España, incluíndo os 12 anos de goberno do seu partido (polo PP), o que representa o 50% desta ópera bufa".


Así, fai notar que, a día de hoxe, "o AVE non entrou en Galicia", unha situación que "sería inimaxinable" que se dese de forma similar en Euskadi ou en Cataluña, "por citar un exemplo de gobernos combativos na defensa dos seus intereses", engade o secretario do Eixo.


INVESTIMENTOS


Ademais, na súa carta, asegura que "non é certa" a afirmación de que o investimento previsto nos orzamentos para o AVE galego "non permitía cubrir outros investimentos dado o seu volume", e desménteo sobre a base de que unha cuestión é a partida reservada e outra a que se executou. "Continuamente vimos como o diñeiro orzado non era executado e volvíase a orzar total ou parcialmente nos orzamentos do ano seguinte, vendéndose coma se fose un novo investimento", censurou.


Vázquez Mao critica ademais, na misiva, que "tampouco é crible que a paralización dalgúns tramos teña que ver coa situación política que viviu España durante case un ano, porque os contratos estaban asinados e o Goberno o único que tiña que facer era cumprir a lei".


Por iso, para o secretario do Eixo, a "presión para executar o AVE non pode ser considerada un logro, senón unha obrigación do Goberno". "Galicia ten o dereito e a obrigación de reclamar que se complete o mapa ferroviario", sentenza.

relacionada Feijóo espera recibir hoxe "un calendario máis concreto" do AVE
relacionada O PSdeG esixe á Xunta "firmeza" para que o AVE galego chegue en 2018

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE