O BNG leva ao Hórreo as "deficiencias, irregularidades e denuncias" do Cunqueiro
Sostén que "falta persoal en todas as categorías", así como "aseos, baños adaptados" e ata "boxes de illamento".
O BNG presentou no Parlamento de Galicia unha proposición non de lei e unha interpelación sobre as "deficiencias" do servizo de Urxencias do Hospital Álvaro Cunqueiro (HAC) de Vigo, iniciativas coas que se fai eco das denuncias do persoal sanitario "respecto da falta de persoal e de medios".
Entre outras cuestións, estas iniciativas refiren "falta de persoal en todas as categorías, que se engade á precariedade e unha eventualidade de máis do 50 por cento", o que o Bloque achaca a "a negativa da Xunta a dotar o hospital co persoal imprescindible para prestar un servizo de calidade".
Ademais, critica que no servizo de Urxencias non se cumpren os cocientes de persoal, nin de camas de observación nin de boxes; que na triaxe e en Xinecoloxía "non hai auxiliares de enfermería durante a quenda de noite"; que hai "deficiencias" nos circuítos asistenciais e de probas diagnósticas; e que hai "mala distribución dos espazos".
Igualmente, advertiu de "riscos para a seguridade" dos pacientes pola "saturación das zonas comúns, a falta de aseos, a insuficiencia de baños adaptados e o insuficiente número de boxes de illamento". "Máis dun ano despois de poñerse en funcionamento o HAC, seguen as deficiencias, irregularidades e denuncias", lamentou a deputada Montse Prado.
Ante todo iso, o BNG formulou unha interpelación para saber se a Xunta "vai nalgún momento" atender as demandas dos profesionais, se actuou para resolver as "deficiencias", se considera que o servizo de urxencias está en condicións de prestar un servizo "con garantías" para persoal e pacientes, e se cre que o persoal é suficiente ou pensa reforzalo.
Finalmente, presentou unha proposición non de lei para que o Parlamento de Galicia inste o Goberno galego a "que proceda de inmediato a emendar os déficits de persoal e a corrixir as deficiencias existentes neste servizo, denunciadas sistematicamente polo persoal que presta os seus servizos no mesmo".
Escribe o teu comentario