O BNG propón reducir o IVE da electricidade do 21 ao 4%
Critica que o Goberno percibirá 300 millóns coa subida de luz pois apunta a que máis da metade da factura son impostos.
A portavoz parlamentaria do BNG, Ana Pontón, propuxo este luns reducir o IVE que grava a tarifa eléctrica do 21 ao catro por cento, tendo en conta que se trata dun produto de primeira necesidade e non dun artigo de luxo. Ademais, tras criticar que máis da metade da factura son impostos, apuntou que o Goberno se embolsará coa recente subida da luz uns 300 millóns de euros máis.
En rolda de prensa para presentar as medidas da súa formación contra a pobreza enerxética, a dirixente nacionalista volveu defender unha tarifa propia para Galicia, pois, como comunidade produtora, sairía beneficiada cun abaratamento dos custos.
"Hai que acabar co espolio da nosa riqueza; estamos a regalar solidariamente a electricidade", salientou, tras apuntar que no recibo da luz os galegos tamén pagan o transporte da enerxía a comunidades "moi deficitarias", como Madrid, que produce o 0,4 por cento da enerxía do Estado mentres consome o 11 por cento. Así mesmo, cifrou en 1.800 millóns de euros levar a luz ás illas e a Ceuta e Melilla.
Ao fío diso, Pontón criticou que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, se opoña a que Galicia goce dunha tarifa diferenciada como xa teñen actualmente as empresas radicadas en Euskadi.
É máis, subliñou que en Galicia xa a haberá, pero "para peor", para pagar máis, tendo en conta que os "erros garrafais" de Feijóo no relativo ao sector eólico provocarán que o recibo suba máis nesta comunidade que no resto do Estado. E é que, ademais de causar "un parón" na xeración deste tipo de enerxía, agora os cidadáns terán que afrontar na súa factura o canon implantado pola Xunta.
SEN TRABAS AO AUTOCONSUMO
En paralelo, a deputada do Bloque tamén requiriu que se eliminen as trabas ao autoconsumo, o coñecido como "imposto ao sol", o que levaría "unha democratización real do acceso á enerxía".
Escribe o teu comentario