Rianxo homenaxea a Castelao no seu aniversario

Cúmprense 131 anos desde o seu nacemento. O alcalde confesa "dificultades" para facer realidade a casa-museo do intelectual e artista.


|

Castelao


A localidade coruñesa de Rianxo, vila natal do intelectual galeguista Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, foi esta fin de semana punto de encontro entre políticos galegos e vascos para renderlle homenaxe no 131 aniversario do seu nacemento. En concreto, o tributo comezou este sábado cun encontro-coloquio no auditorio municipal e culminou este domingo cun acto político.


O acto político, organizado polo Partido Galeguista, empezou cunha recepción no Concello por parte do alcalde de Rianxo, o nacionalista Adolfo Muiños, á que lle seguiu unha ruta polo paseo da Ribeira ata o busto do homenaxeado, onde estaba previsto que se realizasen intervencións por parte dos asistentes, que finalmente tiveron lugar no salón de plenos por mor da choiva.


Pola súa banda, o alcalde da localidade destacou, en declaracións a Europa Press, que as máis de 15 intervencións reafirmaron "a vixencia do pensamento do escritor". Entre os participantes no acto atopábanse políticos galegos como o portavoz parlamentario de En Marea, Luís Villares; o viceportavoz desta formación, Antón Sánchez; a exdeputada Consuelo Martínez (Cerna), María Xosé Afonso (Compromiso por Galicia), Fernando Alonso (Coalición Galega), Xosé Collazo (PCPG) e Segundo González (Foga).


En opinión de Luís Villares, Castelao "representa de maneira inmellorable a modernidade de Galicia" porque pensou nela "desde o concreto, desde os detalles": como "un país moderno". O parlamentario de En Marea afirmou que a "forma de pensar (en) Galicia que tivo Castelao" converteuse nun "legado de país": "Un sentimento de nación que nos deixou e que perdura ata hoxe en día", apostilou.


Ademais dos políticos citados, tamén se convidou a representantes institucionais como Valentín García Bóveda (Fundación Bóveda), Manuel Puga (Fundación Penzol), Luís Martínez Risco (Fundación Vicente Risco), Xosé Fernando Filgueira (Fundación Filgueira Valverde) e Xusto Beramendi (Museo do Pobo Galego).


DIFICULTADES PARA A CASA-MUSEO


Así mesmo, nos actos de homenaxe tamén participaron o portavoz do PNV no Senado, Jokin Bildarratz, e o exportavoz do PNV no Congreso Iñaki Anasagasti. O alcalde de Rianxo subliñou particularmente a intervención de Bildarratz, quen fixo fincapé nos puntos comúns entre galegos, vascos e cataláns.


Sobre a posibilidade de facer realidade a casa-museo de Castelao, Muiños manifestou o seu desexo de que esta fose "un referente para os galegos como pode ser a casa de Rosalía" e sinalou a importancia de que todas as administracións públicas se involucren. Con todo, confesou que, por agora, non será posible a causa da "dificultade" para chegar acordos.

relacionada Celso Emilio Ferreiro inaugura un ciclo de documentais sobre autores galegos ilustres

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE