Retiran a distinción de ferrolán do ano a José Luis Pego, exdirectivo de NCG
Na mesma sesión do pleno tamén se fixo efectiva a renuncia de Guillermo Evia como edil do grupo municipal do Partido Popular.
José Luis Pego e Miguel Santalices nunha foto de arquivo
O pleno do Concello de Ferrol aprobou por unanimidade a retirada da distinción de ferrolán do ano a José Luis Pego, actualmente en prisión, cumprindo unha sentenza da Audiencia Nacional (AN), conxuntamente con outros exdirectivos de Novacaixagalicia polas súas xubilacións millonarias.
A distinción de ferrolán do ano fóralle concedida a Pego en decembro do ano 2008, durante outra sesión plenaria ordinaria do Concello de Ferrol, cando ocupaba a dirección xeral de Caixanova e a Alcaldía desta cidade ostentábaa Vicente Irisarri (PSOE). Foi aprobada por aquel entón tamén por unanimidade a concesión desta distinción por todos os grupos.
Na sesión deste xoves, que se desenvolveu desde as 19,00 horas, os cinco grupos con representación no pleno, PP, FeC, PSOE, BNG, C's e as dúas edís do grupo dos non adscritos, emitiron o seu voto afirmativo á dita retirada, tras debater previamente, o pasado luns, 23 de xaneiro, esta cuestión nunha xunta de portavoces.
DESPEDIDA
Nesta sesión tamén se fixo efectiva a renuncia de Guillermo Evia como edil do grupo municipal do Partido Popular. "Foi unha honra e un privilexio traballar por e para a miña cidade, Ferrol", asegurou na súa despedida.
Así mesmo, Evia mostrou o seu agradecemento "tanto a Juan Juncal e a José Manuel Rey", por permitirlle " traballar para Ferrol e os ferroláns".
Tamén pediu "perdón polos erros cometidos" e se nalgún momento molestou a alguén, ao mesmo tempo que agradeceu: "O esforzo dos funcionarios deste Concello cos que tiven a sorte de traballar, especialmente durante o período 2011-2015".
En canto aos que foron ata hoxe os seus compañeiros pediulles: "Un esforzo para rebaixar o clima de crispación que ultimamente estamos a transmitir e que impere o diálogo e o respecto mutuo".
Finalmente, agradeceu aos seus compañeiros de partido a súa "colaboración e paciencia". "O meu compromiso con Ferrol e cos ferroláns seguireino mantendo como non pode ser doutra forma", asevera.
Escribe o teu comentario