Unha profesora da UVigo traduce por primeira vez ao galego 'A Child's Garden of Verses'
A obra poética infantil do escritor escocés Robert Louis Stevenson, segundo a propia autora, "nin sequera está traducida na súa totalidade ao castelán".
A filóloga e profesora da Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo (UVigo) Celia Vázquez traduciu por primeira vez ao galego a obra poética infantil do escritor escocés Robert Louis Stevenson 'A Child's Garden of Verses' (1895), a cal, segundo a propia autora, "nin sequera está traducida na súa totalidade ao castelán".
A obra poética de Stevenson quedou en "un segundo plano" polo éxito das súas novelas de literatura xuvenil, entre as que se atopa 'A illa do tesouro', polo que a profesora da UVigo publicou 'Stevenson e a tenrura da súa poesía infantil', co obxectivo de "rescatar" a poesía que o autor escribiu para nenos.
O libro inclúe os poemas tanto en inglés como en galego, ademais de varios capítulos introductorios nos que a profesora examina aspectos biográficos e bibliográficos de Stevenson; e outros nos que explica como afrontou a tarefa da tradución para conseguir mostrar como o autor "plasma nos versos o modo que teñen os nenos de concibir o mundo".
COMPRENDER O SENTIMENTO DO AUTOR
Tal e como indicou a filóloga, traducir un poemario é "un reto" porque "é preciso escoitalo para coñecer o seu ritmo, comprendelo, analizar a súa forma, o seu ser estético, de que recursos bota man...", todo iso mentres se busca que a tradución sexa "o máis semellante á voz e ao sentimento auténtico do escritor".
"Estamos ante unha poesía fascinante que xorde dun poeta con alma de neno, unha poesía soñadora e marabillosa", remarcou Vázquez, que sostén que cada poema aproxima ao lector "ás emocións da infancia, as dúbidas, medos e a fantasía" a través de versos nos que a temática favorita de Stevenson son "as aventuras de viaxes, especialmente as que ocorren no mar".
Escribe o teu comentario