Máis de 50 viticultores reciben axudas para reestruturar os seus viñedos
As subvencións destínanse a mellorar a xestión, abaratar custos e adaptar as explotacións ao mercado.
Un total de 53 viticultores galegos levarán a cabo un proceso de reestruturación e reconversión de máis de 45 hectáreas de viñas grazas a unha orde de axudas da Consellería do Medio Rural dotada con case 500.000 euros e cuxos beneficiarios publica este mércores o Diario Oficial de Galicia.
En total, serán 10 plans de reestruturación e reconversión de viñas a desenvolver en 45,43 hectáreas e a subvención media por beneficiario será de 9.249 euros. Destes plans, seis son colectivos (49 beneficiarios) e os outros catro individuais.
Por provincias, a maior parte dos beneficiarios (47%) están en Ourense, seguidos por Pontevedra (32%), Lugo e A Coruña. Por zonas, 17 son da Denominación de Orixe Rías Baixas, 15 de Valdeorras, nove de Ribeira Sacra, seis de Ribeiro, catro de Monterrei, un de Terra de Betanzos e outro sen Indicación Xeográfica Protexida.
Os reaxustes estruturais que levarán a cabo permitirán diminuír os custos de produción nas explotacións vinícolas, onde predomina o minifundio, mellorar as técnicas de xestión dos viñedos e adaptar as explotacións ao mercado a través de melloras varietales.
Ata 2016 beneficiáronse destas axudas un total de 9.353 viticultores. A superficie afectada foi de 4.176 hectáreas e destináronse 61,61 millóns de euros a esta finalidade.
Escribe o teu comentario