Prorrogado un mes máis o segredo de sumario sobre o asasinato de Ana Enjamio
O compañeiro de traballo da moza detido en relación cos feitos permanece en prisión provisional.
O Xulgado de Violencia sobre a Muller de Vigo, que instrúe as dilixencias relativas ao crime da enxeñeira Ana Enjamio, acordou prorrogar un mes máis o segredo das actuacións, segundo confirmaron fontes xudiciais.
Deste xeito, prorrógase o período no que as partes (excepto a Fiscalía) non poderán ter acceso ás dilixencias, unha medida adoptada polo xulgado por entender que é o mellor para o bo fin da instrución.
Ana Enjamio, natural de Boqueixón (A Coruña) e de 25 anos de idade, foi acoitelada na madrugada do 17 de decembro no portal do edificio onde vivía na cidade olívica, na Avenida de Madrid, á volta dunha cea de Nadal da súa empresa.
Por estes feitos, foi detido un compañeiro de traballo da moza, con quen mantivera unha relación, César A.Ou., que ingresou en prisión provisional por orde do xulgado.
Escribe o teu comentario