Santiago solicita a Aena que o aeroporto pase a chamarse Rosalía de Castro
Este 2017 conmemórase o 180 aniversario do nacemento da escritora. Serviría, ademais, como "fomento dunha maior presenza simbólica das mulleres na cidade e en Galicia".
O Concello compostelán solicita a Aena que o aeroporto da capital galega pase a chamarse Rosalía de Castro, Santiago de Compostela-Lavacolla. Así o acordaron todos os grupos presentes no Consistorio compostelán, que apoiaron unha declaración institucional que foi trasladada ao Ministerio de Fomento.
Todos os grupos presentes no Pazo de Raxoi apoiaron a proposta de Compostela Aberta de solicitar que o Aeroporto de Lavacolla se rebautice co nome da escritora galega. Finalmente non foi preciso someter a iniciativa a votación no pleno municipal deste xoves xa que, con anterioridade, os grupos pactaron unha declaración institucional.
Nela, o Concello de Santiago enxalza a figura de Rosalía, "unha persoa que brilla con luz propia, unha figura fundamental da literatura europea, a escritora máis representativa da lingua galega".
Este ano 2017 conmemórase o 180 aniversario do nacemento da escritora, quen, como apunta o texto da solicitude, "viviu unha constante loita persoal e profesional pola recuperación e forxa da identidade: da súa, da de xénero e da de Galicia".
FIGURA GALEGA UNIVERSAL
Así, reclaman que o nome de Rosalía de Castro figure na denominación do aeroporto compostelán, dado que a escritora é a "figura galega con maior recoñecemento interno e externo" da cultura de Galicia.
Ademais, sinala que o "recoñecemento da memoria" de Rosalía a través desta acción serviría como "fomento dunha maior presenza simbólica das mulleres na cidade e en Galicia", así como para promover "unha maior representación da súa identidade grupal" para conseguir unha cidade "igualitaria e amigable coas mulleres".
Así mesmo, continúa a declaración, o aeroporto de Lavacolla é "outro referente simbólico" da "conexión coa diáspora galega en Europa e máis aló do mar", o "drama" da emigración que Rosalía viviu en primeira persoa e que reflectiu na súa obra.
"Recoñecida por todas e por todos, inspiradora de novas manifestacións literarias, un dos alicerces das nosas industrias culturais e 'leit motiv' dunha pluralidade de iniciativas sociais e educativas, é indiscutible a súa contribución á nosa cultura, á emancipación das mulleres e a un mundo máis xusto", reza a declaración institucional pactada este xoves no Consistorio santiagués.
AENA DEBERÁ DAR O VISTO O BO
Deste xeito, lembra os casos dalgunhas localidades de todo o mundo que asociaron o nome do seu aeroporto ao de cidadáns ilustres deses lugares, como o caso de Belgrado (Nikola Tesla), Nova Orleans (Louis Armstrong) ou Liverpool (Jhon Lennon), entre outros moitos.
Agora, o Ministerio de Fomento e Aeroportos Españois e Navegación Aérea (AENA) deberán aprobar o cambio de nome para o aeroporto santiagués. Nos últimos anos, Aena aprobou o cambio de denominación nos aeroportos de Madrid e Santander, que pasaron a chamarse Adolfo Suárez Madrid-Barajas e Seve Ballesteros Santander, respectivamente.
Escribe o teu comentario