Ascenden a 18 os falecidos por gripe en Galicia
Superáronse xa os 550 ingresos hospitalarios esta tempada, case todos con algún factor de risco. A epidemia afecta máis aos menores de idade e ás persoas maiores.
As persoas falecidas con gripe na Comunidade galega aumentaron a 18, segundo o último informe de 'Vixilancia da gripe en Galicia' --correspondente á semana que terminou o día 15 de xaneiro-- publicado este mércores polo Sergas.
A tempada de gripe en Galicia rexistra 554 ingresos hospitalarios, dos cales 196 corresponden á pasada semana. Segundo o informe do Sergas, necesitaron asistencia en UCI o oito por cento do total de hospitalizados con gripe confirmada.
Do total de ingresos, segundo os datos publicados, o 91 por cento presentaba algún factor de risco para ter unha gripe complicada e, deles, o 45 por cento non estaba vacinado.
Dos 18 falecidos con gripe na Comunidade galega desde o inicio da tempada, o 56 por cento dos que tiñan indicada a vacina recibíraa.
O Sergas explica no informe que na semana que terminou o día 15 o número de chamadas atendidas no 061 por gripe e outras infeccións respiratorias agudas "superou, por segunda semana consecutiva, o nivel de intensidade media, cun discreto aumento dun 8%", con respecto á semana anterior.
En concreto, o número de chamadas semanais por gripe e outras infeccións respiratorias mantense "estable" nas provincias da Coruña e Ourense, mentres que sobe nas de Lugo e Pontevedra.
Por grupos de idade, sobe o número de chamadas no grupo de entre 5 e 19 e de 65 anos en diante, mentres que baixa no de 20 a 44 anos e mantense estable no resto --0-4 e 45-64--.
VIXILANCIA MICRIOBIOLÓXICA
En canto á vixilancia microbiolóXica, nos laboratorios dos hospitais do Sergas de 672 mostras, 274 foron positivas para o virus da gripe A, das que 164 se subtiparon e foron AH3N2.
Segundo indica o Sergas no seu informe, a difusión do virus da gripe "segue en epidémica", cun 40,8 por cento de positividade, "porcentaxe que normalmente se alcanza sobre o pico", segundo engade. A súa intensidade é media e con tendencia crecente.
Escribe o teu comentario