Caballero repróchalle a Cancela que non tiña "présa" cando Sánchez era secretario
O rexedor de Vigo aféalle á presidenta da xestora que non estea de acordo co calendario establecido por Ferraz no seu Comité Federal.
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, referiuse este luns á falta de data para a celebración de primarias e congreso do PSdeG e reprochou que Pilar Cancela, presidenta da xestora galega, non tiña "ningunha présa" cando o secretario xeral do partido era Pedro Sánchez.
En resposta a preguntas dos medios sobre esta cuestión, o rexedor olívico constatou que "cando a xestora galega funcionaba con Pedro Sánchez non había ningunha présa" e "ía todo estupendamente".
"Mesmo nos cambiaron unhas listas, que fixera democraticamente a provincia de Pontevedra", engadiu, en alusión ás candidaturas para as eleccións autonómicas.
"Entón non había présa, nin sequera por convocar o comité nacional de Galicia", insistiu Caballero, quen sinalou que "as cousas teñen que ir ao seu ritmo" e "necesitan o seu tempo de maduración".
COMITÉ FEDERAL
Con respecto ás decisións adoptadas no comité federal do pasado fin de semana, o alcalde de Vigo mostrou a súa satisfacción coas datas elixidas para a celebración de primarias e do congreso porque, ao seu xuízo, "é o calendario que máis lle convén ao PSOE e a España".
Caballero evitou pronunciarse sobre o anuncio de Patxi López de que concorrerá ás primarias, pero reiterou o seu apoio a Susana Díaz. "Cando se abra o prazo (para presentarse) volverei solicitar que se presente, como xa fixen hai dous anos e medio. Sigo pensando o mesmo, non cambio de opinión cada catro días", incidiu.
O alcalde non quixo comparar a López e á presidenta de Andalucía, pero sinalou que non optaría por Susana Díaz se crese que "hai alguén mellor". "Sempre optamos polos que cremos os mellores", subliñou.
ACCESO Á AP-9 NA AVENIDA DE BUENOS AIRES
Noutra orde de cousas, o alcalde de Vigo, esixía esta mañá á Xunta de Galicia que, igual que investiu 12 millóns de euros no túnel do Parrote na Coruña, reserve unha partida para construír un acceso á AP-9 na Avenida de Buenos Aires de Vigo, co fin de evitar o tráfico pesado por Sanjurjo Badía, en Teis, e advertiu de que prohibirá a circulación de camións por esa rúa "en días".
En declaracións aos medios, o rexedor olívico fixo referencia ao investimento autonómico nese túnel da cidade herculina e proclamou que eses 12 millóns son os que a Xunta "debe" agora á cidade de Vigo. "Eu quéroos para o acceso a ese tramo de autoestrada", indicou, e apuntou que, con esa infraestrutura, os vehículos poderán entrar e saír da AP-9 en Buenos Aires para chegar ao centro da cidade (actualmente hai unha entrada para ir en dirección Pontevedra e unha saída para os vehículos procedentes desa dirección).
Segundo lembrou Caballero, hai semanas que fixo esta petición tanto ao goberno galego como ao goberno de España e á propia concesionaria da autoestrada, aínda que a empresa non sufriría perda algunha, xa que se trata de un tramo que xa está libre de peaxe. "Ningún contestou", constatou.
"Quedan días, estou a advertilo, despois virán as lamentacións", insistiu, á vez que lembrou os prexuízos que supón ese tipo de tráfico no medio dunha rúa dun barrio moi poboado.
PONTE DE RANDE
Por outra banda, o alcalde de Vigo volveu lamentar que nin a concesionaria nin o Goberno estean a tomar medidas para evitar os accidentes na Ponte de Rande, e denunciou que, o pasado venres, unha colisión nese tramo da autoestrada volveu causar un colapso na circulación que chegou ao centro da cidade e obrigou a pechar os accesos á AP-9.
"Esixo un dispositivo para previr eses accidentes", proclamou Caballero, quen advertiu de que "non pode ser que a autoestrada máis importante de Galicia teña cortes constantes". "Non é asumible. Insto a Audasa, a Xunta e o Goberno que se poñan ao choio", reclamou.
Escribe o teu comentario