A Xunta elabora o seu 'Plan B' para o AVE que "contrastará" coa proposta de Fomento

|

Aveobras

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, rexeita, á espera da reunión que terá lugar en xaneiro, impoñer ao Ministerio de Fomento unha data tope para a chegada do AVE a Galicia e declárase "tranquilo", pero tamén anticipa que a Consellería de Infraestruturas analiza a información para articular unha proposta que "contrastará" coa que, chegado o momento, o Ministerio poña sobre a mesa.


Nunha entrevista con Europa Press, preguntado expresamente acerca de se Galicia esixirá unha data concreta a Fomento, tras darse por feito que a alta velocidade non chegará finalmente en 2018, respondeu que a Xunta está a analizar a documentación facilitada polo Goberno e sabe cales son os cinco tramos con dificultades, "dos que catro están desbloqueados e hai un sobre o que se está falando e discutindo".


A continuación, engadiu que o departamento da Xunta encargado de xestionar as infraestruturas está tamén "loxicamente" analizando "as posibles solucións para gañar tempo perdido" no AVE. "E imos contrastar a nosa proposta coa de Fomento; iso vai formar parte da reunión", advertiu.


En todo caso, rexeitou falar de "datas tope". Só avanza que hai que ser "prudente", dado que se "perdeu un ano" co Goberno en funcións, pero tamén "ambicioso". "É verdade que perdemos un ano, pero a ver que posibilidades temos para recuperar parcialmente o que perdemos", reflexionou.


Iso si, está convencido de que o AVE a Galicia é "unha cuestión irreversible" e atópase "tranquilo" porque "o primeiro valedor" da alta velocidade é "o presidente de España", Mariano Rajoy. Por iso, aínda consciente de que necesita precisar aos galegos "o semestre concreto da entrada do AVE en Ourense", négase a "alarmar". Aínda que si lle preocupa "a incógnita" dos Orzamentos Xerais do Estado.


"Sen orzamento de 2017, a execución, o impulso e o ritmo de finalización do AVE segue estando en interrogante", avisou, antes de reafirmarse en que espera, en xaneiro, poder trasladar aos galegos o que lle diga o Goberno central e "poder facer unha valoración como presidente".


AP-9 E CLÁUSULAS CHAN


Feijóo tamén mantén que non renunciará o "obxectivo" de conseguir o traspaso da titularidade da Autoestrada do Atlántico (AP-9), aínda que ve un "gran avance" que, "por primeira vez", o Goberno de España aceptase "falar dunha xestión conxunta da autoestrada" nunha comisión bilateral.


No marco da mesma, ratificou que a Xunta exporá "unha política máis flexible de peaxes en función de franxas horarias e de ocupación da autoestrada". Preguntado acerca de se esta proposta será para todos os cidadáns ou para o colectivo do transporte, non o concretou. "Teremos que estudar os tráficos, franxas horarias, ver vehículos pesados, persoas que frecuentan a autoestrada ida e volta... En fin, hai que ver distintas cuestións", argumentou.


Á marxe, tamén pedirá "insonorizacións" en determinados tramos da autoestrada, dado que hai "unha serie de impactos sonoros que se poden minorar con obras adicionais", así como realizar "un seguimento máis puntual das obras" da AP-9, que "une ao 60 por cento da poboación galega".


No apartado de impostos, ratificou que "a presión fiscal vai baixar en Galicia nesta lexislatura" e reiterou a súa aposta por ampliar as exencións para a compra de vivendas no rural. E é que, no seu terceiro mandato, sitúa o rural na súa lista de "prioridades", na que tamén está a demografía, a "mellora" de servizos públicos e a "finalización" de infraestruturas sanitarias, e a educación.


Na entrevista con Europa Press, tamén revelou que a Xunta "estudou" a posibilidade de, igual que se fixo coas preferentes, fixar unha arbitraxe para os afectados das cláusulas chan, que non ve factible. "Entendemos que aquí non cabe porque vén como consecuencia dunha sentenza, co cal tecnicamente non cabe unha arbitraxe entre banco e clientes", apuntou.


Si destacou como "moi boa idea" que o Goberno de España faga "un manual de boas prácticas" sobre a xestión das cláusulas chan "Creo que a medida é moi intelixente e oportuna. Espero que as entidades sigan os consellos do manual", manifestou, para concluír que a Xunta, a través do Instituto Galego de Consumo, está "a disposición" de calquera cidadán que necesite asesoramento.


A DENUNCIA DA HEPATITE C: "INDIGNA"


O presidente tamén manifestou a súa "tranquilidade absoluta" en relación co auto da Audiencia Provincial da Coruña que acorda que os cargos do Sergas investigados no procedemento aberto pola subministración dos tratamentos aos enfermos afectados de Hepatites C sexan chamados a declarar tamén como investigados por un suposto delito de homicidio en seis dos oito casos que inclúe a causa.


"Respaldo absoluto ás persoas que estiveron na comisión da Hepatite C e seguridade total de que todos os que actuaron fixérono de acordo coa súa conciencia e os seus criterios deontolóxicos", insistiu o presidente, quen destacou os 130 millóns investidos para enfrontar esta doenza e esgrimiu que o tratamento ten en Galicia "unha implementación superior á media".


Feijóo subliñou que o auto ten "unha coherencia procesual e xurídica moi sólida". "O que vén dicir é que se a unha persoa se lle investiga por unha cousa, hai que investigala tamén polas consecuencias. Eu estou de acordo. Pois investiguemos e non ocultemos nada", retou.


Preguntado se mantén que a denuncia --promovida pola Plataforma de Afectados pola Hepatite C e polo colectivo Batas Brancas-- é "indigna", como dixo no seu día no Parlamento, respondeu cun rotundo "por suposto".


"Xa o dixen e non o vou a cambiar", remarcou, antes de lamentar "a deterioración" que se fai ao sistema sanitario público e de suxerir que hai "un silencio clamoroso" sobre esta cuestión entre "a inmensa maioría dos médicos" porque "non están de acordo". "Pero os que queiran politizar a sanidade, alá eles", aseverou.


"MÁIS DUN CONSELLEIRO" SEGUIRÁ COMO DEPUTADO


Feijóo ironizou coa posibilidade de que "haxa xente" que di que actúa "como consecuencia de recibir unhas botellas de viño", en relación aos supostos agasallos que lle enviaría o presidente de Monbus, Raúl López, segundo un informe do Servizo de Vixilancia Aduaneira que figura no sumario da 'Operación Cóndor'.


De feito, considerou "sorprendente" que alguén chegue a esta conclusión cando o propio empresario se queixou ante a instrutora, Pilar de Lara, de que Feijóo non o recibía. Preguntado acerca de se sente perseguido xudicialmente, respondeu que ten a súa "propia opinión", pero como presidente será "cauto". "Os galegos saberán valorar iso. O asunto está no Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), que faga o que teña que facer", resolveu.


Feijóo, que será pai en febreiro, defendeu que a súa aspiración política está "máis que colmada" e insistiu en que o seu compromiso é ser presidente de Galicia "ata 2020". En canto aos conselleiros que manterán a acta de deputado, sinalou que se decidirá en xaneiro. No PPdeG dáse por feito que Alfonso Rueda continuará, pero o presidente evita os nomes.


"Máis dun vai quedar", revelou. E menos de...?, foi interpelado, ao que respondeu cun sorriso e emprazando a súa resposta ao mes de xaneiro.

relacionada ​Fomento avisa de que o AVE a Galicia non chegará ata "2021 ou 2022"
relacionada ​Nin prazos do AVE, nin traspaso da AP-9
relacionada ​A Audiencia pide investigar por homicidio a cargos do Sergas polos tratamentos da Hepatite C
relacionada ​Feijóo recibió regalos del dueño de Monbus valorados en 2.300 euros

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




Non está permitido verter comentarios contrarios á lei. Nos reservamos o dereito a eliminar os comentarios que consideremos fora de tema.
Cabecerarecomendadosgal 2
Cabeceraultimahora 2
Cabeceralomasleidogal 1


Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Condicións de uso Consello editorial
Powered by Bigpress