O Son do Camiño volve facer: os 12.000 abonos do festival voaron en apenas unha hora
O festival compostenalo colgou o cartel de "non hai billetes" só unha hora despois de poñelos á venda.
A estes 12.000 boletos hai que sumar os vendidos en 2020 para a edición cancelada pola pandemia, ademais das entradas de día que se poñerán á venda proximamente.
As entradas de hoxe completan os abonos do festival | Foto: EP
O festival de música O Son do Camiño esgotou nunha hora os máis de 12.000 abonos que se puxeron á venda este mércores.
Estes abonos, sumados aos xa vendidos en 2020, completan un total de 40.000 tickets para este evento que se celebrará os próximos 16, 17, e 18 de xuño no Monte do Gozo, en Santiago de Compostela.
Nun comunicado, a organización do evento comentou que o festival "volveu a bater récords históricos" na venda de entradas en toda España. Ademais, asegura que O Son do Camiño "será un dos festivais máis grandes deste 2022 e unha das principais atraccións deste segundo ano de Xacobeo".
A entidade afirmou que "o interese público de toda España foi masivo" e agradeceu a confianza dos novos compradores e dos que mantiveron durante dous anos as súas entradas. O Son do Camiño lamentou que non todo o mundo poida ter a súa entrada porque "a demanda foi, un ano máis, moi superior ao aforo".
Así mesmo, quixeron lembrar que están en contra da revenda e que só serán válidas as entradas adquiridas a través de canles oficiais.
Por último, a organización subliñou que proximamente informarán sobre a venda das entradas por joranda, coas que, sumadas aos 40.000 abonos, lograrán concentrar a máis de 120.000 persoas durante os tres días de festival.
Escribe o teu comentario