Samuel Lago probable novo alcalde de Cambados en lugar da súa compañeira Fátima Abal que renuncia
A alcaldesa de Cambados (Pontevedra), Fátima Abal, renunciará ao cargo que ocupa desde xuño de 2015 por motivos de saúde. Anunciarao oficialmente este sábado, pero xa llo comunicou a través dun escrito aos seus compañeiros do Partido Socialista.
A socialista vese con forzas para seguir como concelleira, pero non para asumir a carga de ser alcaldesa, debido aos seus problemas de saúde.
O enxeñeiro agrícola Lago Ozón é responsable do sindicato Unións Agrarias nas Rías Baixas e actual concelleiro de Obras
A alcaldesa con Lago á súa esquerda durante o recente congreso do PSdeG
DIFICULTADES PERO FELICIDADE
No escrito, Fátima Abal explica que abandona o cargo para recuperarse dalgúns problemas de saúde. "Desde hai tempo necesito descansar tanto mental como fisicamente", explica, "o que non é compatible con exercer a Alcaldía de maneira responsable".A alcaldesa manifesta irse "moi orgullosa" de todo o conseguido e "coa satisfacción de deixar un Cambados moito mellor" que o que atopou. "Foron anos moi difíciles pero tamén moi felices", asegura.
LAGO, PROBABLE SUBSTITUCIÓN
O novo alcalde será, con toda probabilidade, o concelleiro socialista Samuel Lago. Unha persoa á que Fátima Abal define na súa carta de despedida como "un home serio, honesto, intelixente, traballador e moi próximo".
A elección do novo rexedor deberá realizarse en oun pleno que se convocará unha vez que a alcaldesa presente oficialmente a súa dimisión. Para iso deberá contar co apoio dos dous concelleiros de Somos Cambados, cos que actualmente forma o grupo de goberno e, polo menos, coa abstención de único edil do BNG.
Aínda que renuncia á Alcaldía, Fátima Abal manterá a súa acta de concelleira e seguirá como membro da Corporación, mantendo as competencias nas áreas que lle corresponden. "Defendendo os nosos principios e valores, nos que creo firmemente e sobre os que sempre encamiñei a miña vida e as miñas accións como política e como persoa", conclúe na súa despedida.
Escribe o teu comentario