Paciente do CHUS con dor na uretra termina "derivada a Psiquiatría" e pasa cinco meses sen diagnóstico

A Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS fai pública a situación que vive María del Mar O. L., que leva case un ano esperando por unha intervención por un posible divertículo uretral.



|

A Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS fai pública a situación que vive María del Mar O. L., que leva case un ano esperando por unha intervención por un posible divertículo uretral.


A plataforma denuncia a "violación sucesiva e reiterada de dereitos recoñecidos" á paciente, que foi empuxada á sanidade privada por "recomendacións" desde a pública.


Clínico, Chus

Fachada do CHUS | Foto: EP


O camiño de María del Mar O. L. que a levou de sala de espera en sala de espera comezou o 9 de decembro de 2020 nun "percorrido doloroso e incapacitante no que se vulneraron os os meus dereitos como paciente e obrigáronme a recorrer á sanidade privada por causa dun diagnóstico erróneo e precipitado".


Hai un ano, esta muller comezou a sentir unha dor moi forte na zona xenital, polo que acudiu a unha xinecóloga privada ante a imposibilidade de concertar cita no centro de saúde Concepción Arenal de Compostela, onde lle propoñían unha consulta para catro días despois. Na consulta privada remitírona a unha fisioterapeuta e recomendáronlle descanso e medicación.


O dor "insoportable" empúxaa a pedir a baixa, pero a falta de especialistas impídelle ter un diagnósticomáis preciso. A doutora de atención primaria "di que non hai especialista no CHUS en chan pélvico e que pode ser que se agarroten os músculos polo sistema nervioso. Derívame a saúde mental, Servizo de Psiquiatría, onde me atenden desde o 14 de xaneiro ata o 9 de xullo con medicación para a ansiedade a pesar de non sentir ningún síntoma nese sentido", relata.


Ademais, a recomendación da sanidade pública é a de acudir a unha fisioterapeuta especialista da privada, á que acode sen mellorar o seu estado e que termina recomendándolle que regrese á xinecóloga e "facer as probas que correspondan".


REGRESO Á PRIVADA E UN DIAGNÓSTICO CINCO MESES DESPOIS

"Como non me dan cita ata agosto (pedíndoa en abril), volvo á xinecóloga privada,   desesperada pola intensa dor. Despois dunha ecografía a xinecóloga ve varios quistes na zona da uretra e sospeita de absceso periuretral. Remíteme servizo de Urxencias, onde corroboran o informe e fanme un TAC", narra a afectada, que xa para entón levaba preto de cinco meses con dor. Non foi ata maio que alcanzou un diagnóstico preciso do seu problema.


Con medicación e cunha cistoscopia en xuño, desde o servizo de uroloxía reclaman unha resonancia para proceder cunha intervención cirúrxica "porque non saben de que son os quistes". "O 18 de xuño de 2021 asino o consentimento informado, polo que se me inclúe no rexistro de pacientes en espera para unha intervención cirúrxica de preferencia 2. A día de hoxe, transcorridos 125 días desde a inclusión na lista de espera, xa me realizaron as probas do preoperatorio e aínda non se me citou para a proba diagnóstica (resonancia)", lamenta. De media, e segundo as listas de espera do SERGAS, un paciente espera 72,1 días a ser intervido en Uroloxía no CHUS e 51,1 días por unha resonancia magnética.


Ante semellante demora, a afectada presentou dúas reclamacións, pero só a primeira, do mes de xuño, obtivo resposta. Segue pendente de saber se atenderon ou non a súa reclamación do pasado 6 de setembro.


"Levo case un ano de baixa con moita dor. Pasei cinco meses sen diagnosticar en especialistas que nada tiñan que ver coa a miña doenza, por parte de atención primaria, e custeándome a atención no sistema privado de saúde. Isto estame afectando moito a miña vida diaria, pola dor e pola impotencia de non poder volver á miña vida normal", reprocha, á vez que denuncia que só por medio da privada puido ter un diagnóstico tras 153 días desde a primeira consulta.


VULNERACIÓN DE DEREITOS

Ante estes feitos, a plataforma denuncia que a nova normalidade está a provocar moitos atrasos en atención primaria e para probas diagnósticas "por falta de medios humanos suficientes", algo que provoca o abandono asistencial dos pacientes e unha deterioración na atención que reciben os mesmos, vulnerando varios dos seus dereitos na sanidade pública.



Neste caso concreto, a paciente "non só foi sometida a un tratamento psiquiátrico que non precisaba, senón que ademais viuse obrigada a ter que pagar do seu peto unha fisioterapeuta para o tratamento do chan pélvico, porque, sorprendentemente, o CHUS non conta con especialistas nesta doenza a pesar de ser unha necesidade común despois dos partos".


María del Mar segue esperando por unha cita para a proba diagnóstica que lle abra as portas dun quirófano para unha intervención para a que leva 125 días esperando pero " debeu realizarse  nun prazo que non debería exceder os 90 días". 

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE