Dan por extinguido o incendio de Ribas de Sil, o máis grande no que vai de ano en Galicia con 1.600 hectáreas
Os datos oficiais cifran en 1.592,9 as hectáreas arrasadas no incendio de Ribas de Sil.
Máis dun milleiro do terreo queimado corresponden a monte arborizado. Pasaron dez días desde que se declarou ata a súa extinción.
Incendio de Ribas de Sil | Foto: EP
O gran incendio forestal de Ribas de Sil (Lugo), declarado na parroquia homónima, quedou extinguido este martes máis dunha semana despois de que se iniciase o 6 de setembro. En total, arrasou 1.592,9 hectáreas, das cales máis dun milleiro foron monte arborizado e 556 monte raso. Trátase do peor lume no que vai de ano en Galicia.
Este foi un foco secundario do lume que se declarou en Ribas de Sil o 5 de setembro, tamén extinguido e que afectou a 140 hectáreas. En conxunto, a superficie queimada por ambos os incendios supera as 1.700 hectáreas.
O gran incendio agora extinguido tamén afectou os municipios limítrofes de Quiroga e A Pobra do Brollón. A súa proximidade a casas chegou a obrigar a activar a Situación 2.
Nas tarefas de extinción participaron 14 helicópteros, oito avións, 15 pas, 63 motobombas, 66 axentes e 147 brigadas, así como persoal da Unidade Militar de Emerxencias (UME).
Escribe o teu comentario