Excelentes noticias: baixan os positivos semanais por vez primeira nesta quinta onda de coronavirus
Os 1.113 novos positivos por PCR comunicados hoxe axudan que a incidencia semanal caia por vez primeira nesta quinta onda. Galicia está a alcanzar o pico de contagios esta semana, como prognosticou Galiciapress o sábado.
Os 1.113 novos positivos por PCR comunicados hoxe axudan que a incidencia semanal caia por vez primeira nesta quinta onda. Galicia está a alcanzar o pico de contaxios esta semana, como prognosticou Galiciapress o sábado.
Os casos activos continúan crecendo pero a velocidade de aumento é cada vez menor. Por exemplo, hoxe hai 241 máis, que o salto máis curto desde o 7 de xullo.
A incidencia acumulada semanal cae 11 puntos, de 347 a 334. Non é unha caída irrelevante e, sobre todo, é a primeira rebaixa na curva deste indicador desde o 19 de xuño, fai máis dun mes.
A incidencia acumulada a 14 días aínda non cae, como é lóxico, pois este indicador tarda máis en virar que a súa irmá pequena, ao depender de datos de máis xornadas. Hoxe sobe, pero pouquísimo, de 641 a 642. É a menor subida desde que a quinta onda empezou a descontrolarse a finais de xuño.
Con todo, 642 é o peor rexistro da incidencia bisemanal en toda a serie histórica, que Galiciapress mantén con datos do SERGAS desde agosto de 2020. Xamais houbo tantos positivos de coronavirus en Galicia, desde unha perspectiva a 15 días.
O dobre da incidencia semanal (669 ) é maior que a incidencia bisemanal (642). Constatamos pois que a última semana foi peor que a penúltima.
Con todo, a razón de taxas evoluciona na boa dirección, cae de 1,08 a 1,04. Se mañá repite un descenso do mesmo calibre, poñerase en 1 e iso diranos que a pandemia xa non crece, está plana.
A taxa de positividade onte foi do 12,3%. Sendo como é unha cifra preocupante, é a mellor desde o 11 de xullo, hai máis de dúas semanas.
SITUACIÓN DOS INDICADORES NO SEMÁFORO DE ALERTAS
Segundo os criterios do semáforo de alertas oficial, a taxa de positividade de Galicia segue no peor dos niveis posibles. Correspóndelle nova normalidade ás autonomías cunha media semanal inferior ao 15%. A curva galega dobrouse onte por vez primeira nesta quinta onda e hoxe baixa un chanzo importante, de 17% a 16%. Aínda así, seguimos en risco extremo.
En risco extremo tamén segue a incidencia semanal. Dado que os descensos adoitan ser máis lentos que os ascensos, é probable que a baixada que empezou hoxe non nos permita entrar en risco alto ata, como pronto, pasada a metade de agosto.
EVOLUCIÓN DOS CASOS ACTIVOS
O total de infectados ascende hoxe só un 1,3%. É a mellor porcentaxe en máis dun mes. A media semanal, o indicador máis relevante, complete outro paso cara a cero, e cae do 5,3% ao 4,3%.
Se seguimos ao mesmo ritmo, en cinco días a media semanal entrará en valores negativos. Iso significará que o SERGAS ten que atender menos e menos contaxiados cada día que pasa. Iso si, chegados a ese puntos, aínda quedarán por diante varias semanas de subida de presión hospitalaria.
En termos absolutos, as porcentaxes de hoxe equivalen a un ascenso +241 ,que deixa o total en Galicia en 18.776 casos activos.
CONCLUSIÓNS
Con todas estas estatísticas sobre a mesa, podemos inferir que:
- A pandemia en Galicia deixou ou está a deixar de crecer desde un punto de vista semanal, que é a perspectiva principal para a Xunta. A incidencia a sete días cae, a media móbil a sete días da taxa de positividade cae e a media móbil a sete días da derivada de casos activos leva xa varias semanas á baixa.
- Este descenso é, con todo, moi recente e por tanto débil. A boa evolución da derivada dos casos activos -que é o índice máis sensible a cambios- dános a entender que, en teoría, non se aveciña ningunha modificación da tendencia polo que, en teoría, a pandemia debería seguir á baixa.
- A que non baixa, e non baixará nas próximas semanas, é a curva de hospitalizados. Hoxe son 8 máis que onte, poñendo o total en 242 hospitalizados en planta. Nunha semana hai case 90 máis. Como quedan polo menos dúas semanas de crecemento no mellor dos casos, os hospitais do SERGAS poden ter que facer fronte a uns 400 hospitalizados ao mesmo tempo, unha cifra moi considerable.
DATOS POR ÁREAS
Os casos activos caen hoxe en dúas áreas, Pontevedra e Ourense, as dúas que máis pronto sufriron o embate da quinta onda e as primeiras que están a dobrar as súas curvas. As dúas suman hoxe unha cantidade de novos diagnósticos moderada, 113 Pontevedra e 124 Ourense. Boa cifra tamén para Ferrol, 67, que o distrito con menores niveis de virus en proporción á súa poboación.
Máis datos a nivel municipal e de distrito do SERGAS nuns minutos en Galiciapress.
Escribe o teu comentario