Nach e un piano: nin máis, nin menos... nin falta que fai
O artista alacantino participou no Festival TerraCeo de Vigo nun concerto cun formato único na longa traxectoria dunha das lendas vivas do rap en España.
O artista alacantino participou no Festival TerraCeo de Vigo nun concerto cun formato único na longa traxectoria dunha das lendas vivas do rap en España.
Con só un piano e sen recorrer aos pratos que o acompañan desde o seu debut, alá polos 90, Nach demostrou, unha vez máis, que a súa música e a poesía van sempre da man.
Nach no Auditorio Mar de Vigo | Foto: Galiciapress
O Auditorio Mar de Vigo garda máis secretos dos que cremos. Máis aló do seu impoñente salón principal, máis arriba concretamente, atópase o que talvez sexa o escenario máis bonito de Galicia, porque ningún outro pode presumir de ter as Cíes de pano de fondo. Alí, na terraza do Mar de Vigo, celébrase desde maio o Festival TerraCeo, polo que xa pasaron algúns dos artistas e bandas máis reclamados do panorama musical, como Taburete, A Habitación Vermella ou Juancho Marqués.
Onte foi a quenda de Nach, Wyygga e Abel Caballero. O alcalde da cidade olívica foi o encargado de presentar aos artistas co seu particular estilo, mesturando o galego, o castelán e o inglés para deleite dos asistentes, que quedaron con ganas dun bis do rexedor. Un Caballero que aproveitou a ocasión para, como non podía ser doutra forma, reivindicar a Vigo e as súas obras. "Vou facer un pouco de propaganda: cando eu cheguei isto era un vertedoiro. Que ben nos quedou!", celebrou o alcalde, que aínda que patinó nalgunha ocasión, concluíu cun sonoro "Viva Vigo!".
WYYGGA E THAT BASS
Entrou Wyygga para quentar o ambiente e tinguilo todo de chumbo e ouro co seu último traballo, acompañado do DJ That Bass, que cos seus ritmos levou o scratch ao seguinte nivel ao mesturar unha das xoias do hip-hop deste século 'Niggas in Paris' cun clásico setenteiro como 'Low Rider'.
UN ATARDECER CON NACH
Coa caída do sol chegou Nach ao escenario, co público entregado. O de Alacante -que non Albacete, don Abel Caballero-, levou a Vigo unha proposta tan arriscada como efectiva: un piano e a súa voz. Nada máis. "Sen artificos", como dixo el mesmo.
Polo seu estilo, Nach aseméllase ás veces máis a un cantautor que a outros raperos da súa quinta. Talvez por iso non foi unha sorpresa ver que todas as pezas encaixaban e que 'O idioma dos deuses' co único acompañamento dun piano era todo canto necesitaba un tema que é toda unha oda á música.
Nach e o atardecer en Vigo | Foto: Galiciapress
Entre canción e canción, ademais de descubrir un dos seus últimos traballos inéditos forxados durante a pandemia, Nach tivo tempo de falar de frustracións, de inxustizas, do hip-hop, de amor e de dor, ás veces indistinguibles. Trufado todo de vivencias persoais e de poemas convertidos en lemas de vida, tamén houbo tempo para algunhas das súas cancións clásicas como 'Amor libre', 'Grande' ou 'Manifesto', que tiveron como pano de fondo, ademais das notas que brotaban do piano, o ocaso nas Illas Cíes. O mellor acompañamento para unha tarde de terraceo. Nin máis. Nin menos. E nin falta que fixo.
Escribe o teu comentario