A armadora ve imposible que os mariñeiros do Prometheus contaxiasen o covid a traballadores do porto de Vigo

Dos seis que xa foran hospitalizados, un está na UCI con osíxeno e pneumonía bilateral e outro compañeiro pasou pola UCI pero xa está en planta. Uns días despois do brote do Prometheus chegou a Vigo o Emerald, onde deron positivo 10 mariñeiros.


|

A armadora do Prometheus Leader descarta, en principio, que a tripulación tivese contacto cos traballadores do Porto de Vigo. 


Nese mercante saltou a semana pasada un brote de coronavirus de cepa india e hoxe saltou outro brote de 21 positivos entre traballadores do Porto.


Os dous únicos barcos en corentena en Galicia son da mesma armadora, veñen do Reino Unido e transportan coches. 


Emerald leader vigo

O Emerald Leader amarrado en Vigo nunha foto de EP


Portavoces oficiais da armadora Nippon Yusen (NYK Line) contactados por Galiciapress aseguran que os mariñeiros contaxiados "practicamente nin tocaron terra". Segundo o seu relato, os mariñeiros foron embarcados nas naves dos prácticos do Porto ata as ambulancias que os levaron ao hospital Vithas Vigo.


A xaponesa NYK Line é, curiosamente, a responsable do outro barco en corentena por coronavirus, o Emerald Line. Ten que ver o brote do Prometheus co Emerald? A empresa descártao, en principio, destacando que os dous mercantes procedían de diferentes lugares e as súas tripulacións non están relacionadas, sendo de nacionalidades diferentes. Atribúen o feito de que dous dos seus buques sufrisen brotes ao chegar a Vigo á casualidade.


Estas fontes aseguran que no Prometheus hai traballadores de orixe india. Neste barco é onde o SERGAS confirmou a presenza da cepa india. No Emerald estase aínda pendente da secuenciación xenética.


En principio, a Xunta dixo que se sabería a cepa do Emerald hoxe, pero aínda non informou dos resultados. Pola súa banda, a armadora indica que tampouco ten información, salvo que xa foi descartada a cepa británica.


19 POSITIVOS ENTRE Os DOUS BUQUES

O Prometheus Leader chegou a Vigo cunha tripulación de 22 persoas. Deron postivo por PCR nove, un 40%. Deses 9 diagnosticados, hai 3 que seguen asintomáticos. Este trío seguía no barco ata hoxe, cando os levaron ao hospital Vithas para así desinfectar o barco que, cunha nova tripulación, empezará a traballar con normalidade mañá. Dos seis que xa foran hospitalizados, un está na UCI con osíxeno e pneumonía bilateral e outro compañeiro pasou pola UCI pero xa está en planta. 


Uns días despois do brote do Prometheus chegou a Vigo o Emerald, onde deron positivo 10 mariñeiros. Un deles púxose grave ao principio e onte ingresaron en Vithas Vigo a tres máis. Quedan por tanto 6 asintomáticos abordo. 


O Emerald chegou a Galicia o 7 de maio, venres, desde Portbury (Reino Unido) e antes desde Bélxica e Alemaña. O Prometheus tamén chegou a Galicia desde o Reino Unido. Fíxoo o 27 de abril tras partir de o porto de Southampton e pasar por Alemaña e Noruega.


Os dous son barcos que cargan coches, polo que se supón que a súa presenza en Vigo ten que ver coa fábrica de Stellantis, a antiga PSA Citroën.




Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE