Gadis axudará a bancos de alimentos de Galicia e Castela e León coa súa campaña 'Maio Solidario'
A cadea de supermercados comeza este luns coa campaña 'Maio Solidario' que busca axudar a bancos de alimentos tanto castelán e leoneses como galegos tanto con produtos como con doazóns económicas.
A axuda permitirá asistir a preto de 100.000 persoas nun momento de crise como o actual, onde as solicitudes nos bancos de alimentos multiplicáronse notablemente.
Presentación de 'Maio solidario' de Gadis | Foto: Gadis
Supermercados Gadis activou a campaña 'Maio Solidario' para axudar a bancos de alimentos de Galicia e Castela e León. Como novidade este ano, e debido ao contexto de pandemia, inclúe a posibilidade de realizar unha doazón económica, ademais da entrega de produtos non perecedoiros.
Será, segundo expuxo na presentación da iniciativa o director de Responsabilidade Social Corporativa (RCC), Antonio Cortés, para axudar aos bancos de alimentos galegos e de Castela e León. "Que á súa vez atenden a 800 organizacións, que axudan a 100.000 persoas", remarcou.
Da última campaña, que tivo lugar o ano pasado, cifrou en 50.000 os produtos recolleitos, dos que 30.000 foron doados pola empresa de distribución alimentaria.
A entrega de alimentos nesta edición poderá realizarse nos espazos habilitados en 204 supermercados Gadis de ambas as comunidades autónomas, entre este luns e o 29 de maio.
Desde o ano 2013, cando a empresa iniciou esta acción, os bancos de alimentos de Galicia e Castela e León recibiron máis dun millón de quilos de artigos, segundo lembrou Antonio Cortés.
Os bancos de alimentos beneficiarios son Rías Altas (A Coruña, Ferrol e Santiago); Lugo, Ourense, Vigo, Ávila, León, Palencia, Ponferrada, Salamanca, Valladolid e Zamora.
Escribe o teu comentario