Os sindicatos do BBVA anuncian mobilizacións contra o ERE da entidade para o 10 de maio
A Coruña, Vigo, Ourense e Lugo acollerán mobilizacións convocadas polos sindicatos presentes na mesa de negociación contra o ERE do BBVA.
Os sindicatos acordaron "unha fronte unitaria para dar resposta á ameaza de despedimento colectivo que a dirección do banco formulou".
Oficinas do BBVA | Foto: EP
As organizacións sindicais con presenza na mesa de negociación do ERE de BBVA convocaron unha mobilización conxunta para o próximo 10 de maio ás 18,00 horas en Galicia.
Convocadas en todo o Estado, na comunidade galega serán catro concentracións ante as oficinas principais da Coruña, Vigo, Ourense e Lugo.
A CIG, que informa destas protestas, chama a defender os postos de traballo ante os despedimentos masivos que prevé a entidade, e que na comunidade galega afectan segundo o proposto a 111 empregos da rede e a outros 11 da dirección territorial.
Segundo a central nacionalista, acordouse "unha fronte unitaria para dar resposta á ameaza de despedimento colectivo que a dirección do banco formulou".
A idea é mostrar o rexeitamento "unánime" ao reaxuste do persoal e "loitar para que non se produza ningún despedimento forzoso". Os sindicatos ven "inadmisible", de feito, que unha entidade como BBVA pretenda "que sexan os traballadores os que paguen a súa reestruturación".
Escribe o teu comentario