Non haberá folga de lixos en Santiago tras o acordo 'in extremis' entre Urbaser e os traballadores
Este venres comezaba a folga entre os traballadores do servizo de recollida de lixos e limpeza viario da capital galega, pero as negociacións conseguiron desconvocar a protesta.
Desde o Goberno municipal celebran que se alcanzou o entendemento entre as dúas partes e recalcan que o servizo se desenvolverá con normalidade.
Camión de Urbaser | Foto: EP
En concreto, segundo informaron os sindicatos, o acordo alcanzado fai referencia aos xubilados parciais, que traballarán só o 25 por cento da súa xornada, en lugar do 50 por cento, o que implica un ano menos, así como aos contratos temporais, que pasarán a indefinidos.
Paralelamente, acordouse retomar as negociacións unha vez termine o proceso de adxudicación do servizo á nova empresa, tendo en conta que é un proceso xa en marcha. De feito, desde CC.OO. lembran que este concurso aberto era un dos escollos para avanzar nas reclamacións restantes dos traballadores, que serán abordadas coa nova contrata.
A concelleira de Medio Ambiente de Santiago, Mila Castro, aplaudiu este xoves o acordo alcanzado 'in extremis' polas partes, indicando aos veciños que a limpeza dos próximos días farase " con total normalidade". Xa en días anteriores, o alcalde, Xosé Sánchez Bugallo, descartara que o concello mediase no conflito, lembrando que é unha reclamación entre a empresa e os seus traballadores.
Escribe o teu comentario